Un 20% dos deputados do Parlamento galego intentarán facerse cunha alcaldía o 28M

Un total de 15 parlamentarios, 11 do PPdeG e catro do BNG, candidatos na próxima cita coas urnas

Por Europa Press / Redacción | Galicia | 12/03/2023 | Actualizada ás 11:07

Comparte esta noticia

Un pleno de éxito nas eleccións municipais do 28 de maio provocaría unha renovación do 20% dos deputados que conforman o arco parlamentario autonómico no Pazo do Hórreo: en total, son 15 de 75 (11 do PPdeG e catro do BNG) os que se baterán na área local para tratar de facerse co bastón de mando dos seus respectivos concellos.

De acordo coa normativa autonómica e, segundo reflicte o regulamento da Cámara galega, os alcaldes están nun suposto de inelexibilidade. Por tanto, aqueles parlamentarios que, chegado o caso, consigan facerse coa alcaldía o 28M, deberán deixar a súa acta.

Ata que isto ocorra, iso si, poderán compatibilizar o seu escano cos seus labores no ámbito local, onde serán protagonistas da campaña.

Celebración do pleno do Parlamento de Galicia
Celebración do pleno do Parlamento de Galicia | Fonte: Europa Press

PPdeG: 11 PARLAMENTARIOS

No PPdeG non é novo tirar da 'canteira' do Pazo do Hórreo para outros cargos. Numerosos son os casos de quen compaxinan a vida política na Cámara cunha concellaría ou mesmo coa portavocía local, como é o caso de José Manuel Rey Varela en Ferrol.

Rey Varela é un dos 11 deputados do Grupo Parlamentario Popular que tratará facerse co bastón de mando da súa localidade, na que xa foi alcalde no seu día. Pero no Pazo do Hórreo están outros dous candidatos do PP nas cidades: Elena Candia (Lugo) e Borja Verea (Santiago).

De feito, o PPdeG é o grupo con maior porcentaxe de deputados que concorren ás locais deste 2023 (un 25%). E é que, ademais do tres das cidades de Ferrol, Lugo e Santiago, tamén se presentan como cabezas de cartel o 28M Ovidio Rodeiro (en Boqueixón), Dani Veiga (en Ribadeo), e Marta Nóvoa (San Cibrao das Viñas).

Tentará recuperar unha praza 'histórica' do PP, agora en mans do PSOE, Vilalba (Lugo), a deputada Sandra Vázquez; mentres que Rubén Lorenzo pelexará pola alcaldía nun bastión nacionalista como Carballo (A Coruña). Á súa vez, Belén Cachafeiro presentarase en Forcarei, onde xa foi rexedora; igual que Belén Salido será cabeza de cartel en Monfero; e Fernándo Pérez, en Caldas de Reis.

BNG: CATRO ASPIRANTES Á ALCALDÍA

O BNG tamén tirará de 'canteira' parlamentaria para a cita coas urnas do 28 de maio. Unha das elixidas é María Albert, que xa ten experiencia en xestión municipal tras un paso de dous anos pola Alcaldía de A Rúa (Ourense) entre 2015 e 2017.

Tamén o parlamentario Manuel Lourenzo conseguiu un bo resultado en Soutomaior (Pontevedra) en 2019, aínda que non suficiente para gobernar, e volverá tentalo o próximo mes de maio; mentres que Carme Aira e Xosé Luís Rivas 'Mini', serán cabezas de cartel no Incio e Boimorto, respectivamente.

O Bloque, ademais, tamén reforzará as súas candidaturas municipais con outras deputadas e deputados. Así, prevese que Rosana Pérez e Mercedes Queixas estean nos primeiros postos das listas da Pobra e A Coruña, mentres que Dani Pérez, Carmela González e Paulo Ríos irán nas de Carballo, Vigo e Moaña.

NINGÚN CABEZA DE CARTEL NA BANCADA SOCIALISTA

Finalmente, na bancada socialista, ningún dos actuais parlamentarios competirá como candidato á alcaldía. É máis, só unha dos 14 deputados cos que conta o PSdeG concorrerá en listas ás locais.

É o caso de Paloma Castro, que ocupará o número catro da lista que lidera Iván Puentes á Alcaldía de Pontevedra. De cumprirse a máxima interna que promove 'unha persoa, un cargo', o regreso á política local da pontevedresa motivaría a chegada ao Parlamento de Galicia de Daniel Chenlo, que concorreu de número 7 na candidatura pola provincia.

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta