100 Corcoestos = autoestrada na Ribeira Sacra

As autoestradas das Rías Baixas teñen que ser “rescatadas” polo goberno galego, é dicir, vostede e eu imos pagar peaxe por circular por elas sen circular por elas. O goberno central tivo que “rescatar” as que rodean Madrid. De novo vostede e eu imos darlle uns cartos a uns señores, aos que non temos o gusto de coñecer, en premio á súas estultas ocorrencias e pésima xestión e que, aínda así, quedan eclipsadas pola súa indecente intención de lucro.

Por Xabier Vázquez Pumariño | Compostela | 04/02/2015

Comparte esta noticia
Por outra banda o volume de circulación de vehículos por estrada en Galicia caeu a niveis de hai tres lustros e o tráfico por autoestrada ao nivel de hai case 4. Curiosamente uns “expertos” ao servizo do ministerio din que as autovías, por exemplo, da periferia de Madrid serán rendibles en 30 anos. Se teñen a bola máxica de ver o futuro poderían adiviñar a próxima combinación da lotería. Listos.
 
E, neste contexto, o goberno construirá unha autoestrada, a A76, sobre a Ribeira Sacra para que algún vehículo circule por ela e, de novo, vostede e eu, paguemos por non circular.
 
Cabería preguntarse a razón. Non hai outra, falando obxectivamente, que a presión exercida por políticos locais de algúns concellos da provincia de Ourense para, deste populista e antipedagóxico xeito tratar de rañar uns votiños que os manteñan no poder cobrando do público e exercendo de microsátrapas.
 
A proxectada autovía entre Ourense e o Bierzo destruirá, por orde, parte do fértil fondo de val do Bierzo, parte do Parque Natural da Serra de Enciña da Lastra (para quen non o coñeza, posiblemente o espazo natural terrestre máis valioso de Galicia en relación, especialmente ao seu tamaño), parte do fértil e valioso val de Valdeorras e parte do canón do Sil e as súas inmediacións. Si, a Ribeira Sacra. En definitiva unha enorme desfeita para nada. Porque, non nos enganemos, é posible que a algúns propietarios de coche tuneado de Valdeorras lles excite a idea de ir tomar copas a Ourense ou a Ponferrada nuns minutos, tamén é posible que algún empresario viva na ilusión de que o seu negocio medraría exponencialmente se consegue aforrar 2 minutos en chegar ao Bierzo, coa súa lousa extraida irregularmente das entrañas de Valdeorras e Trevinca. Algúns dirán que así tardarían menos en chegar ao hospital... de Ourense cando hai un infradotado no Barco. A realidade é que esa autovía estará valeira e que os motivos da súa construción son (non necesariamente por orde): o de rañar votos contentando votantes ilusos e/ou desinformados e desviar fondos públicos para petos privados.
 
Por outra banda, parece que todo este grupo parece ignorar o declive, anunciado, do petróleo e a súa próxima escaseza, o que fará cada día máis inviable o transporte por estrada como o coñecemos hoxe en día, de tal xeito que as relacións económicas e sociais e mudarán nun espazo de tempo moi breve. Si, pode que vostede estea a pensar astutamente que o prezo do petróleo está a caer moitísimo nestes días e, seguramente, deduce que hai petróleo a esgalla: información incorrecta, a produción de petróleo está sobredimensionada actualmente por Arabia Saudí (ditadura teocrática amiga que executa persoas en plena rúa) a petición de Estados Unidos e Europa para afundir a economía de, fundamentalmente, Rusia e tamén a de Venezuela (coa impagable axuda do seu propio goberno). Si, é unha guerra moderna, sen vísceras.
 
Volvendo ás satrapías locais, os mesmos que “pediron” a construción da autovía pola Ribeira Sacra son os mesmos que piden a declaración da mesma como “patrimonio da humanidade”. Non fan falla máis comentarios ao respecto, non se pode estar en misa e repicando (en fin, as campás das igrexas da Ribeira Sacra son odiosas gravacións). Quizais deberon terlle preguntado a opinión á famosa avogada Amal Alamuddin e ao seu aposto marido, George Clooney, de recente visita na propia Ribeira Sacra: poderíamos mellorar estas vistas cunha autoestrada, cos seus desmontes, taludes, viadutos e entulleiras?.
 
E para acabar de repartir responsabilidades, non me quero esquecer dos culpables silenciosos de esta e outras desfeitas polo territorio: un líder dun partido da oposición no parlamento galego non se vai opoñer porque, entre outras razóns, aprobou a súa construción no parlamento de Madrid. E tampouco porque seguen a pensar, coa fe dos conversos e dos ignorantes, que dicir non a unha autoestrada vailles restar votos. De momento, o que lles restou votos, obxectivamente, foi a seu propio satrapismo. Pero aínda hai máis: celebramos como un éxito (éo sen dúbida) que os plans para facer unha mina de ouro nun eucaliptal/piñeiral chamado Corcoesto se dilúan. Quizais alguén non pensou que unha autovía do Bierzo a Ourense ben podería equivaler a 100 Corcoestos (territorialmente falando, ambientalmente moito máis).  Onde está a extraordinaria oposición popular? Será que para opoñernos á desfeitas ecolóxicas precisamos que estas estean executadas por multinacionais estranxeiras? Será, logo, que en Galicia non hai ecoloxismo, so nacionalismo? Será que aos da casa lles consentimos 100 veces máis que aos que veñen de fora?

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Xabier Vázquez Pumariño Biólogo e ornitólogo, activista no ecoloxismo dende os 80 e, máis recentemente, alertando do declive dos combustibles fósiles. Traballa como consultor ambiental en diferentes eidos, principalmente, ornitoloxía, bioloxía da conservación, ecoloxía aplicada, sostenibilidade, etc sí como en ecoturismo e cooperación ao desenvolvemento.