O Colexio de Xornalistas critica a situación laboral na CRTVG tras a negativa do seu director xeral a dar conta dos cambios

O CPXG solicitou aos grupos parlamentarios que trasladen pola vía correspondente a inquedanza e súas as demandas.

Por Galicia Confidencial | Compostela | 14/03/2023 | Actualizada ás 11:49

Comparte esta noticia

A Xunta de Goberno do Colexio Profesional de Xornalistas de Galicia acaba de expresar a súa preocupación pola deterioración das relacións laborais que se está a producir na Corporación Radiotelevisión de Galicia. "No último mes, foron múltiplas as queixas e solicitudes de amparo que chegaron a este colexio sobre traslados forzosos e inmediatos de persoal entre os diferentes postos de redacción da corporación", indica nun comunicado.

O director xeral da CRTVG, Alfonso Sánchez Izquierdo, en comisión
O director xeral da CRTVG, Alfonso Sánchez Izquierdo, en comisión | Fonte: Europa Press

A isto sumouse a pasada semana o anuncio de limitacións para a celebración de asembleas do persoal nas instalacións da CRTVG. Por todos estes motivos, o 21 de febreiro, o Colexio de Xornalistas enviou unha carta ao Director de Recursos Humanos da CRTVG, solicitándolle unha exposición detallada das razóns que xustificarían as mudanzas de postos de traballo. A resposta de Víctor Tubío Villar foi que estas valoracións lle correspondían á dirección executiva da Corporación, polo que, ao día seguinte, o Colexio elevou a súa petición ao Director Xeral. Nunha carta recibida no Colexio o 8 de marzo, Alfonso Sánchez Izquierdo declinou facilitar información sobre o particular, asegurando que a dirección xa dá conta das decisións ante o Consello de Administración, o Parlamento de Galicia ou o Consello de Contas de Galicia.

Ante a negativa a xustificar a difícil posición na que se están a colocar os medios públicos galegos, e como entidade de dereito público creada pola lei 2/1999 do Parlamento de Galicia e que ostenta a representación legal dos e das xornalistas galegas, o Colexio Profesional de Xornalistas de Galicia dirixiuse entón ao Consello de Administración da CRTVG, aos distintos grupos parlamentarios galegos, e a todos os membros da Comisión Permanente non Lexislativa de Control da Corporación Radio e Televisión de Galicia, para solicitarlles que trasladen pola vía correspondente a inquedanza e as demandas deste Colexio. Os grupos dos Socialistas de Galicia e do Bloque Nacionalista Galego xa comunicaron a súa vontade de elevar as peticións da profesión xornalística á sede parlamentaria.

O Colexio de Xornalistas di ademais que "ve con inquietude o detrimento da calidade da información que poden causar as mudanzas non negociadas de postos de traballo, realizadas de xeito automático, entre medios tan distintos como os que integran a CRTVG, con linguaxes, técnicas e especificidades propias".

Po iso insiste en que "é de extrema importancia garantir que os e as profesionais dos medios públicos poidan desenvolver o seu traballo con plena independencia, liberdade e sentido da respondabilidade, nun clima de diálogo profesional no que as discrepancias poidan canalizarse de maneira axeitada. Tamén pide que se reabran as canles de diálogo co cadro de persoal para "recuperar un clima laboral saudable que lle permita á Corporación prestar adecuadamente o servizo público que ten encomendado". 

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta