Greenpeace vai ao Constitucional contra o fallo do Supremo sobre Ence

Di que o Supremo "expón na sentenza unha visión moi restritiva da protección do dominio público marítimo terrestre".

Por Europa Press / Redacción | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 15/03/2023 | Actualizada ás 12:50

Comparte esta noticia

Greenpeace anunciou que presentará un recurso de amparo ante o Tribunal Constitucional contra o fallo do Tribunal Supremo que avala a continuidade da factoría de Ence na ría de Pontevedra.

Nun comunicado remitido aos medios este mércores, a organización ecoloxista explicou que os seus servizos xurídicos entenden que o Supremo "expón na sentenza unha visión moi restritiva da protección do dominio público marítimo terrestre que lle leva a permitir concesións centenarias con ocupación industrial do mesmo".

Neste sentido, Greenpeace entende que o TS "non protexe a esencia" do dominio público marítimo terrestre nin "a excepcionalidade da súa ocupación" e que, por tanto, conclúe de "forma errónea" a "inaplicabilidade" do artigo da Lei de Costas que determina que só poderán permitirse actividades ou instalacións nesta franxa que "pola súa natureza non poidan ter outra ocupación".

Para a organización ecoloxista, a fábrica pasteira de Ence "incumpre" isto último, o que provoca que o Supremo actuase sen velar pola defensa do litoral e a protección ambiental baseándose "exclusivamente nun informe ambiental da Xunta". Tamén incide en que a análise do Supremo debe considerar "os efectos da propia ocupación física", que leva, segundo Greenpeace, "a evidente destrución de hábitats" ou "a incompatibilidade con usos sustentables do litoral"

Deste xeito, puxo o foco en que a autorización para continuar en Lourizán ata 2073 "vai acabar producindo un sistema transitorio dun século de duración, co impacto potencialmente irreversible sobre estes ecosistemas tan delicados", algo do que, como lembran, advirte o voto particular da Maxistrada Huet de Sande.

O complexo industrial de Ence na Ría de Pontevedra / Europa Press / Europa Press
O complexo industrial de Ence na Ría de Pontevedra / Europa Press / Europa Press

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta