A xerente do SERGAS nega que nin ela nin o seu irmán están relacionados con empresas privadas que contraten coa Xunta

Respecto da súa familia, explicou que, neste momento, a clínica que foi propiedade do seu pai durante anos "xa non lle pertence e, por tanto, o irmán ao que se alude xa non desenvolve ningún cargo directivo alí".

Por Europa Press / Redacción | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 16/03/2023 | Actualizada ás 15:00

Comparte esta noticia

A xerente do Sergas, Estrela López-Pardo, compareceu este xoves ante a Comisión de Sanidade do Parlamento para "aclarar" que nin o seu irmán nin ela "manteñen ningunha relación con empresas sanitarias privadas" que asinasen convenios ou concertos co Sergas, co que nega que exista un conflito de intereses.

A petición propia e como resposta a unha petición do grupo parlamentario do BNG, López-Pardo comparecía para "dar todas as explicacións necesarias" tras coñecerse que o seu irmán, Manuel López-Pardo, é o director xerente da Asociación de Hospitais de Galicia (Ahosgal).

"O deber do Goberno galego é dar todas as explicacións necesarias sobre a realidade dos asuntos, especialmente cando hai intereses espurios e partidistas en tergiversar a realidade. Por iso estou aquí, aínda que a intención de quen verteron as acusacións non sexa despexar dúbidas, senón sementalas", sinalou.

López-Pardo negou ter participacións en ningunha empresa con contratos ou convenios públicos e apuntou que non tivo actividade privada nos dous anos previos ao seu nomeamento no Sergas, como marca a lei. "Pero podemos ir máis aló. En ningún momento da miña carreira profesional tiven outra dedicación distinta do sector sanitario público galego, tanto no asistencial como nos postos directivos. Nin teño nin tiven en ningún momento relación coa sanidade privada", aseverou.

Respecto da súa familia, explicou que, neste momento, a clínica que foi propiedade do seu pai durante anos "xa non lle pertence e, por tanto, o irmán ao que se alude xa non desenvolve ningún cargo directivo alí". "Ademais, nunca mantiven relación con ese centro", apostilou. En canto ao cargo que ocupa o seu irmán na citada asociación, a xerente do Sergas cualificouno como "empregado", "onde non ostenta participación en ningunha das empresas" englobadas.

A responsable do Sergas lamentou que a portavoz sanitaria do BNG, Montse Prado, "ao mesmo tempo que pedía claridade, tivese xa un veredicto totalmente decidido, sen escoitar ao Goberno e sen saber o alcance real". "Creo que iso vai un paso máis aló do dereito de control ao Goberno", comentou. "Estou aquí para acabar coa falsidade. O meu irmán non é o presidente da asociación e non figura en ningún contrato co Sergas desde que eu son a xerente", insistiu López-Pardo, que pediu "respecto" e que se emocionou en diversos momentos durante as súas intervencións.

Pola súa banda, o portavoz do grupo do PSdeG na comisión, Julio Torrado, sinalou que "aínda que non haxa problemas legais", si os hai atendendo "á ética e á estética".  "Que o seu irmán sexa o presidente da patronal dos hospitais privados é dificilmente xustificable desde o punto de vista estético. Isto esixe unha esaxerada demostración de honorabilidade e iso temos que asumilo os que nos dedicamos a isto. O feito non é punible nin ten que ser negativo, pero esixe unha maior claridade", defendeu. Torrado afeou que López-Pardo "só comparecese cando se soubo". "Ten que asumir que a xente pense que hai algo raro", sinalou.

A Xerente Do Servizo Galego De Saúde, Estrela López Pardo, Intervirá Na Comisión 5ª De Sanidade Do Parlamento De Galicia, Para Responder As Preguntas Dous Grupos Dá Cámara Sobre Sanidade.     Foto Xoán Crespo. XOÁN CRESPO
A Xerente Do Servizo Galego De Saúde, Estrela López Pardo, Intervirá Na Comisión 5ª De Sanidade Do Parlamento De Galicia, Para Responder As Preguntas Dous Grupos Dá Cámara Sobre Sanidade. Foto Xoán Crespo. XOÁN CRESPO | Fonte: Europa Press

TENSIÓN ENTRE BNG E PPDEG

A tensión na comisión aumentou coas intervencións da portavoz nacionalista, Montserrat Prado, e do popular, José Alberto Pazos. A deputada do BNG acusou á xerente do Sergas de querer lanzar "tinta de lura" e "desviar o obxectivo desta comparecencia". "Non veu cando a nomearon, veu cando se soubo tras unha investigación xornalística", censurou.

"Máis da metade dos ingresos das empresas desa asociación proveñen do Sergas, e á fronte está o seu irmán. Así que queremos luz e taquígrafos; non se limite a dicir aquí que non ten relación", instou Prado a López-Pardo.

O parlamentario do PPdeG apoiou a comparecencia da xerente do Sergas e animou aos nacionalistas a "rectificar polas acusacións vertidas e a agradecer a transparencia". "Se non se fai é por sectarismo, o que lles impide pedir desculpas e recoñecer a transparencia", afirmou. "Parece razoable esperar pola resposta do personaxe público para sacar conclusións pero decántanse pola execución sumaria na praza pública dun personaxe público, ao puro estilo BNG. O BNG non necesita probas, a súa única proba é o que din eles mesmos", afeou Pazos Couñago, que se preguntou se López-Pardo "debe supeditar a súa carreira á do seu irmán".

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta