Convocado o III Premio 'Somos Esenciais' de periodismo social para traballos publicados en Galicia en 2022

O premio está convocado polo Colexio Profesional de Xornalistas de Galicia en colaboración con Gadis, con el quere darse a coñecer o labor dos e das profesionais da comunicación social.

Por Galicia Confidencial | Santiago | 16/03/2023 | Actualizada ás 16:00

Comparte esta noticia

O Colexio Profesional de Xornalistas de Galicia convoca, en colaboración con Gadis, a terceira edición do premio 'Somos Esenciais', dotado con 1.500 euros. Este ano a temática amplíase e, baixo o lema A información ao servizo da xente, ábrese a xornalistas e fotoxornalistas que publicaran información de temática social en Galicia no último ano. O prazo de presentación de candidaturas estará aberto ata as 14.00 horas do xoves 27 de abril de 2023.

Directiva do Colexio Profesional de Xornalistas de Galicia
Directiva do Colexio Profesional de Xornalistas de Galicia | Fonte: CPXG

O Colexio Profesional de Xornalistas (CPXG), coa colaboración de Gadis, convoca por terceiro ano o Premio de Xornalismo 'Somos Esenciais', co obxectivo de recoñecer o labor dos e das profesionais da comunicación e a información social como vehículo condutor entre o que pasa na sociedade e a cidadanía, dando voz aos problemas dos axentes sociais e aos efectos que causan. Baixo o lema A información ao servizo da xente, esta edición quere premiar o mellor traballo informativo de temática social, e a el poderan presentarse todos os e as xornalistas e fotoxornalistas que publicaran información de temática social en Galicia ao longo do ano 2022.

As candidaturas deben presentarse antes das 14.00 horas do xoves 27 de abril a través do correo electrónico xornalistas@xornalistas.gal, e deberán estar acompañadas da ficha de inscrición, ademais do traballo en pdf, formato de imaxe ou arquivo de vídeo ou audio, segundo corresponda. De ser o caso, acompañarase tamén dunha ligazón para localizar o traballo na rede. Estabelécese un único premio de 1.500 euros, aínda que o xurado poderá facer as mencións especiais aos traballos que considere oportunos.

O xurado estará composto por Antía González Paredes, membro do Departamento de Comunicación de Gadisa; Francisco X. González Sarria, decano do CPXG; Darío Janeiro Pereira, secretario do CPXG; Belén Regueira Leal, vicedecana segunda do CPXG; Manuel Rey Pan, xornalista gañador da pasada edición do Premio ‘Somos Esenciais' Lucía Rodríguez Peña, voluntaria e membro da xunta directiva de Agareso, Asociación Galega de Comunicación para o Cambio Social; Ana Isabel Rodriguez Vazquez, decana da Facultade de Ciencias da Comunicación da Universidade de Santiago de Compostela; e Cristina de la Vega Jiménez, xefa de Comunicacións e Relacions Institucionais da Area Sanitaria A Coruña-Cee e representante da Asociación Nacional de Informadores de Saúde.

Na primeira edición do Premio 'Somos Esenciais' resultou gañadora Isabel Bravo co traballo «Cando as preguntas aínda non tiñan resposta», emitido na Radio Coruña - Cadena SER. Concedeuse tamén unha mención especial como finalista á reportaxe "La uci del covid, desde dentro: «No somos héroes»", publicada por Ángel Paniagua en La Voz de Galicia. Na segunda edición, o gañador foi Manuel Rey Pan, polo podcast de GCiencia «O ano da pandemia». O equipo formado por Elena Martín Lores, Pablo Santiago Martínez, Sofía Caamaño Deus e Ruben Alexandre Lopes Martins recibiu tamén unha mención especial como finalistas pola reportaxe «Pechar a fronteira foi como pechar a fiestra da casa», publicada no dixital Xarda e no xornal portugués Público.

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta