Por Europa Press / Redacción | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 17/03/2023 | Actualizada ás 10:27
O Diario Oficial de Galicia (DOG) publica este venres a orde que fixa uns servizos mínimos do 100 % para as xornadas de paro convocadas polos traballadores da adxudicataria do servizo aéreo de salvamento de Gardacostas. Isto impide, na práctica, o dereito á folga dos traballadores.
A Consellería do Mar estableceu os servizos mínimos íntegros ao entender que, sobre o dereito fundamental á folga, debe prevalecer a garantía dun servizo no que pode estar en xogo a vida e a integridade de persoas, e a non prestación podería ter consecuencias irreparables.
Os sindicatos da adxudicataria do servizo (Babcok) convocaron varios días de folga nos meses de marzo, abril e maio, e a Xunta publicou esta orde para "garantir a prestación dos servizos necesarios nos termos previstos na lexislación vixente", e dado o "carácer de emerxencia" dos traballos contratados con esa empresa.
Así, considérase "imprescindible" que os dous helicópteros de Gardacostas de Galicia (a Pesca 1, con base en Vigo, e a Pesca 2, con base en Celeiro) estean operativos ao mesmo tempo, xa que cada unno realiza o servizo nunha parte do litoral.
Deste xeito, o persoal adscrito ás dúas aeronaves deberá estar dispoñible nas súas respectivas bases os días da folga, para garantir a correcta prestació do servizo no caso de que se produza unha emerxencia no mar.
Se tes problemas ou suxestións escribe a webmaster@galiciaconfidencial.com indicando: sistema operativo, navegador (e versións).
Agradecemos a túa colaboración.