O Sergas mantén a data das oposicións de Enfermaría a pesar das críticas dos sindicatos

Nun principio a Administración apuntara, aínda que non de forma oficial, que os exames serían despois de verán

Por Europa Press / Redacción | Galicia | 17/03/2023 | Actualizada ás 20:12

Comparte esta noticia

O Servizo Galego de Saúde (Sergas) prevé celebrar os exames do concurso-oposición de Enfermaría o domingo 25 de xuño, segundo trasladou este venres en Mesa Sectorial aos sindicatos, que insisten no seu malestar polas datas escollidas.

O presidente da Xunta, Alfonso Rueda, anunciara a principios de marzo que o calendario das probas dos procesos selectivos para case 4.000 prazas arrincaría na terceira semana de xuño, con varias categorías, entre elas a de Enfermaría --haberá 10.000 aspirantes a 1.556 prazas--.

Os sindicatos mostraran o seu rexeitamento porque, nun principio, a Administración apuntáralles --aínda que non de forma oficial-- a que os exames serían despois de verán. Por isto mesmo, Satse entregou o xoves no rexistro do Sergas máis de 500 firmas para solicitar un cambio de data.

Con todo, segundo informan a Xunta e fontes dos sindicatos a Europa Press, na Mesa Sectorial celebrada este venres os representantes da Consellería de Sanidade trasladáronlles que os exames serán o domingo 25 de xuño.

En paralelo, avanzáronlles que a resolución provisional de puntuacións do concurso de méritos --sen oposición-- para cubrir 501 prazas de médico de familia e enfermeira, con 3.079 persoas admitidas ata o momento, publicarase na segunda semana de abril, previsiblemente o día 11.

PLAN DE ORDENACIÓN DE RECURSOS HUMANOS

O Sergas e os sindicatos representados na Mesa Sectorial --CIG, CCOO, UGT, CSIF e Satse-- volvéronse a reunir este venres cunha ampla orde do día que incluíu pequenos avances de cara ao futuro plan de ordenación de recursos humanos de Atención Primaria.

Entre as medidas inclúense as xa anunciadas, como incentivos para as categorías de difícil cobertura e a contratación durante tres anos para médicos de familia e pediatras que conclúen a súa formación.

O encontro estivo presidido pola directora xeral de Recursos Humanos do Sergas, Ana Comesaña, e rendeuse homenaxe ao xefe de servizo de Relacións Laborais e secretario da Mesa Sectorial, Alberto López Suárez, recentemente falecido.

MEDIDAS PARA NAIS E EMBARAZADAS

Ademais, o encontro deste venres serviu para abordar medidas de protección á maternidade no marco do plan de igualdade entre mulleres e homes do Sergas, que agora a Consellería quere estendelo e adaptalo ao persoal eventual.

Tal e como avanzaba a semana pasada no Parlamento o titular de Sanidade, Julio García Comesaña, igual que o persoal sanitario fixo conta cun permiso de ata 22 semanas por parto, adopción ou acollida, os empregados das listas de contratación poderán acumular ese seis semanas para esgotalas en sucesivos nomeamentos e recoñecerase ese período como tempo traballado a efectos de puntuación.

Así mesmo, o Sergas permitirá ás traballadoras que sexan nais collerse un ano de suspensión de chamamentos sen ningún tipo de penalización. En canto ás oposicións, se as aspirantes están de parto o propio día da proba, poderán facer o exame ata 15 días despois.

Edificio da Consellería de Sanidade e Servizo Galego de Saúde  (Sergas)
Edificio da Consellería de Sanidade e Servizo Galego de Saúde (Sergas) | Fonte: Europa Press

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta