Actores e actrices galegos reivindican a escena como arte que evidencia a inxustiza polo Día Mundial do Teatro

A dramaturga lerá o texto na gala de entrega dos Premios de Teatro María Casares

Por Europa Press / Redacción | Galicia | 20/03/2023 | Actualizada ás 19:25

Comparte esta noticia

A actriz, dramaturga e directora Clara Gayo é este ano a autora do Manifesto Galego que cada ano realiza a Asociación de Actores e Actrices de Galicia (AAAG) polo Día Mundial do Teatro, un texto que reivindica a escena como arte que "inclúe a diferenza, que evidencia a inxustiza e que acariña á nosa humanidade".

O seu manifesto redactado con motivo da celebración desa efeméride o próximo 27 de marzo, sinala que a escena debe habitar no "límite do precipicio", á vez que pon en valor o labor dos profesionais do teatro para despois animar a toda a profesión a continuar cos seus traballos.

"Sexamos a voz do inaudible. Sexamos o corpo do que desaparece. Sexamos o reflexo do que se transforma. Sexamos a acción do inamovible", expresa o texto que chama a continuar "inaccesibles" ao desalento.

"Este quere ser o manifesto do agradecemento, da xenerosidade, da consciencia, da revisión. O manifesto do desapercibido, do contraditorio, diso que é pequeno e anecdótico, diso que é humilde e sorprendentemente amador. O manifesto dun teatro libre, presente, aberto", escribe.

Ademais, a autora pide de forma colectiva por "un teatro que fai o que sempre fixo: acompañar, cuestionar, revelar, padecer. Un teatro do ser", sinala. A asociación destaca que Clara Gayo súmase co seu texto á lista de persoas de recoñecido prestixio nos ámbitos da escena, do xornalismo cultural, e da literatura que cada ano, a petición da AAAG, asinan este manifesto.

A lista inclúe, entre outros, os nomes de Evaristo Calvo,María Xosé Queizán, Xurxo Borrazás, Montse Dopico, Camilo Franco, Aldao&Lado, Carlos Santiago ou Imma António. A dramaturga lerá o texto na gala de entrega dos Premios de Teatro María Casares, que se celebrará o próximo 30 de marzo no Teatro Rosalía Castro da Coruña.

A actriz, dramaturga e directora Clara Gayo é este ano a autora do Manifesto Galego que cada ano realiza a Asociación de Actores e Actrices de Galicia
A actriz, dramaturga e directora Clara Gayo é este ano a autora do Manifesto Galego que cada ano realiza a Asociación de Actores e Actrices de Galicia | Fonte: Europa Press

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta