A Xunta estuda crear un canon para as eólicas mariñas en base ás conexións coas subestacións en terra

O presidente da Xunta, Alfonso Rueda apunta que o executivo galgo non tiña posibilidade de facer un gravame "no lugar onde se instalen" os parques de eólica mariña.

Por Europa Press / Redacción | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 23/03/2023 | Actualizada ás 14:13

Comparte esta noticia

O Goberno galego autorizou na súa reunión deste xoves o inicio da futura lei que se centrará no aproveitamento de recursos enerxéticos e naturais, e que incorpora como novidade unha figura de canon que afectará os parques eólicos 'offshore' pola vía das conexións coas subestacións eléctricas en terra, co obxectivo de que os seus beneficios tamén teñan retorno na Comunidade.

Ao termo do Consello da Xunta, o seu titular, Alfonso Rueda, ofreceu algúns detalles da futura norma e lembrou que, igual que no seu día se impulsou un canon eólico para garantir que as zonas nas que se instalaban os parques en terra vían algún tipo de compensación polos efectos causados, daranse pasos similares na eólica mariña.

Rueda admitiu que a Xunta non tiña posibilidade de facer un gravame "no lugar no que se instalen" os parques de eólica mariña, pero si veu outra vía a través dos estudos realizados polos servizos xurídicos autonómicos.

Así, a previsión é que a lei contemple crear un canon chamado a gravar as liñas eléctricas que conectarán os parques 'offshore', unha vez que cheguen a terra, coas subestacións eléctricas correspondentes. "Aí si que habería capacidade fiscal e a recadación realizaríase coas mesmas finalidades que actualmente ten o canon eólico para os parques en terra", explicou.

O presidente galego precisou que a norma que arrinca a súa tramitación sitúa a Galicia non só "á vangarda" en España senón tamén en Europa. Afectará a tres tipos de proxectos: os que producen enerxía pola vía renovable, os que supoñen a concesión de augas para poder xerar enerxía e as explotacións mineiras.

En paralelo, ratificou que o Executivo autonómico impulsará a creación dunha sociedade mixta, na que estará, xunto con outros socios públicos e privados, e que permitirá promovomer ou participar de proxectos nos que se detecte un especial impacto económico e social.

Arquivo - Aeroxeradores de eólica mariña.. TRISTAN STEDMAN - Arquivo
Arquivo - Aeroxeradores de eólica mariña.. TRISTAN STEDMAN - Arquivo | Fonte: Europa Press

LEI "PIONEIRA" QUE FAVORECERÁ "O ARRAIGAMENTO SOCIAL" DA EÓLICA MARIÑA

O presidente galego precisou que a norma que arrinca a súa tramitación sitúa a Galicia non só "á vangarda" en España senón tamén en Europa. E cualificouna de "pioneira" e "innovadora", convencido de que favorecerá o "arraigamento social" da eólica mariña, "que vai crecer nos próximos anos".

Respecto diso, insistiu en que Galicia "non pode perder esta oportunidade", xa que conta con "condicións especialmente idóneas para aproveitar estes recursos" e ten "un enorme potencial" para estar no centro da transición enerxética que vai vivir Europa.

ANÁLISE SOCIOECONÓMICA E COMPENSACIÓNS

Na súa intervención, Rueda repasou outras achegas da futura lei xa avanzadas estes días, como o feito de que establecerá que as declaracións de impacto ambiental (DIA) avaliarán os efectos sociais e económicos dos proxectos.

E, en función dos resultados do estudo, reiterou que se contemplarán tamén as correspondentes compensacións --como, por exemplo, a redución da factura eléctrica aos particulares e empresas locais--.

A COMPOSICIÓN DA EMPRESA MIXTA: POR CONCRETAR

Esta análise social e económica servirá tamén para determinar en que proxectos poderá participar a futura 'utility', unha sociedade mixta na que participará a Xunta xunto con outros axentes públicos e privados, co obxectivo de que parte dos beneficios que aproveiten recursos naturais teñan un impacto directo positivo en toda Galicia.

De feito, Rueda insistiu en que a futura empresa mixta non está pensada para entrar en todos os proxectos e, por cuestións de carácter "xurídico", só exponse a súa participación nos de novo impulso.

O que deixou no aire é a composición concreta desta sociedade e o grao de participación pública, aínda que dixo, como dato, que "canto máis capacidade de decisión" poida ter a Xunta, pois sería "mellor". 

Como posible test, apuntou á fase de consulta pública da lei --que, aínda que a empresa se poida constituír en paralelo, incluirá aspectos da súa regulación--; e esgrimiu que considera favorable que concellos ou deputacións poidan participar na propia entidade ou en proxectos concretos, segundo o caso.

E no plano privado, máis aló de grandes empresas ou entidades financeiras de peso, apuntou que desexaría que mostrasen interese os "investidores locais".  "Primeiro imos ver a acollida da idea, complexa e nova desde o punto de vista técnica. Dar prazos, tamén para a entrada en vigor, é aventurado. Gustaríame que canto antes porque as oportunidades veñen aí xa. Imos tentar acelerar", esgrimiu, en relación á sociedade mixta, un paso para o que, reiterou, ve agora "preparada" á sociedade galega.

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta