Un estudo asegura que Pontevedra conta con 60 postos de traballo por cada 100 habitantes

Sitúan o número total de traballadores en alta laboral que residen en Pontevedra en 35.243

Por Europa Press / Redacción | Pontevedra | 23/03/2023 | Actualizada ás 17:51

Comparte esta noticia

O alcalde de Pontevedra, Miguel Anxo Fernández Lores, e o director do grupo G4Plus da Universidade de Vigo, Pedro Figueroa, deron a coñecer un informe sobre a situación laboral no municipio desenvolvido por este grupo de investigación que, entre outros datos, reflicte que a Boa Vila conta con 60 postos de traballo por cada 100 habitantes.

Tras dar a coñecer a comezos de marzo un primeiro avance deste estudo da da Facultade de Comunicación centrado nas afiliacións á Seguridade Social, o documento completouse revelando que "Pontevedra é o gran polo xerador de emprego na comarca e un dos principais da provincia".

As cifras finais, segundo explicaron, sitúan o número total de traballadores en alta laboral que residen en Pontevedra en 35.243 e o número total de persoas que teñen o seu posto de traballo no municipio en 50.310.

Nese sentido, a cidade presenta unha taxa de 60,7 postos de traballo por cada 100 habitantes, unha cifra superior ás de Vigo, Vilagarcía de Arousa, Marín, Poio e Sanxenxo, os outros municipios analizados nun estudo que busca "comprender o panorama laboral en Pontevedra e a súa comparativa con concellos de referencia da provincia".

O índice de Autosuficiencia de emprego (resto de empregos menos residentes datos de alta) revela que é de 142,75, moi superior a outras localidades da súa área de influencia e, mesmo, das aglomeracións urbanas máis poboadas da provincia.

Pontevedra conta cun 42,8% máis de persoas que desenvolven a súa actividade laboral na cidade que traballadores residentes no municipio. Esta cifra é superior en termos porcentuais á de Vigo, un 21,2%, que, no entanto, é o principal xerador de emprego da provincia en cifras totais, con 143.626 postos de traballo no municipio e 118.483 persoas en alta laboral residentes neste concello. O balance revela que 15.067 persoas están dadas de alta con posto de traballo en Pontevedra pero non residen no concello.

Un traballador
Un traballador | Fonte: EUROPA PRESS - Arquivo

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta