Luz verde para que o programa de interese autonómico de Sogama para ampliar Cerceda no futuro

O proxecto de interese autonómico de Sogama é o primeiro que se aproba definitivamente en Galicia desde a creación desta figura por lei no ano 2021.

Por E.P. | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 23/03/2023 | Actualizada ás 19:30

Comparte esta noticia

O Goberno galego deu a aprobación definitiva ao proxecto de interese autonómico (PIA) de Sogama, un instrumento de ordenación propio que "facilitará e axilizará" a ampliación no futuro das súas instalacións en Cerceda.

Farao, segundo indica a Xunta, habilitando á empresa pública a ampliar a súa actividade e construír novas edificacións nos terreos dos que dispón sen someterse aos condicionantes urbanísticos das normas subsidiarias ás que estaba sometida. Tamén permitirá adaptar os parámetros de edificabilidade e alturas ás súas necesidades reais.

O presidente galego, Alfonso Rueda, informou deste paso na comparecencia ante os medios posterior ao Consello da Xunta, e o Executivo autonómico incidiu en que, con este paso, favorécese que Sogama avance cara á implantación da economía circular en Galicia e o cumprimento en prazo dos obxectivos europeos en materia de xestión de residuos municipais.

A solicitude de declaración do complexo ambiental de Cerceda como proxecto de interese autonómico fundaméntase no carácter básico e esencial do servizo público que presta Sogama no conxunto do territorio galego a través da xestión e do tratamento dos residuos urbanos que producen os 295 concellos adheridos ao seu sistema.

Sogama decidiu tramitar o PIA co fin de substituír as normas subsidiarias do plan polas que se rexe e dotarse dun instrumento de intervención directa, previsto na Lei de ordenación do territorio e que ten por obxecto planificar e proxectar a execución de actuacións que transcenden o ámbito municipal pola súa especial incidencia, como é o caso.

De feito, o proxecto de interese autonómico de Sogama é o primeiro que se aproba definitivamente en Galicia desde a creación desta figura por lei no ano 2021.

O ámbito de actuación proposto ten unha superficie total de 805.431,86 metros cadrados e está conformado por 18 parcelas, incluída a correspondente ás actuais edificacións do complexo, que ocupan 50.000 metros cadrados. Ademais, o prazo previsto no PIA para iniciar calquera obra de ampliación ou mellora será de cinco anos desde a aprobación deste instrumento.

EIXO DE MOBILIDADE NA ZONA DE SANTIAGO

O Consello da Xunta tamén autorizou os proxectos de trazado para desenvolver o eixo de mobilidade sustentable entre O Milladoiro, a estación intermodal e o complexo administrativo de San Caetano, no concello de Santiago, que suporá un investimento de preto de 10,6 millóns de euros.

Este orzamento autonómico inclúe o pago dos 363 predios necesarios para impulsar estes itinerarios, que están acordados co Concello de Santiago, co obxectivo de crear na cidade un percorrido exclusivo para peóns e ciclistas de novo trazado, pendentes moderadas e sen apenas interacción co tráfico rodado.

PARADAS DE AUTOBÚS

Noutra orde de asuntos, deuse luz verde ao proxecto de mellora da accesibilidade e conectividade de 63 paradas de autobús situadas nas estradas autonómicas dos concellos de Dodro, Padrón, Rois, Santiago de Compostela, Teo e Vedra, que suporán un investimento autonómico de máis de 1,9 millóns de euros.

O Executivo autonómico tamén deu conta da aprobación dos trámites de información pública e do informe das administracións afectadas para desenvolver estes proxectos nun total de oito estradas autonómicas (AC-241, AC-242, AC-301, AC-307, AC-453, AC543, AC-841 e AC-960).

A aprobación definitiva do proxecto inclúe, tamén, a declaración de utilidade pública, pola que se dispón a urxente ocupación das 52 parcelas necesarias para levar a cabo as intervencións. A superficie de expropiación definitiva é de 2.183,71 metros cadrados.

A Xunta prevé licitar as obras a finais de marzo e convocar o levantamento de actas previas das expropiacións no segundo trimestre, para comezar os traballos no outono. Finalmente, o Executivo autonómico autorizou a firma do convenio de colaboración coa asociación Enxeñaría Sen Fronteiras Galicia para o proxecto de fortalecemento de capacidades técnicas e operativas para a mellora da xestión dos recursos hídricos en Mozambique, por importe de 125.000 euros.

Materiais para reciclado en Sogama / Europa Press / Europa Press
Materiais para reciclado en Sogama / Europa Press / Europa Press

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta