Defensa da Ría de Arousa pide á Xunta investigar a "deficiente xestión do caudal ecolóxico máximo dos ríos"

Alertan de que o sector marisqueiro sofre "unha forte mortalidade de bivalvos"

Por Europa Press / Redacción | Pontevedra | 25/03/2023 | Actualizada ás 19:35

Comparte esta noticia

A Plataforma en Defensa da Ría de Arousa (PDRA) solicitou por escrito a Augas de Galicia abrir un expediente informativo para analizar as causas da "deficiente xestión do caudal ecolóxico máximo dos ríos" e aplicar medias que corrixan a situación, pola que alertan de que o sector marisqueiro sofre "unha forte mortalidade de bivalvos".

Así, en canto ao expediente, piden que se analicen as causas que conduciron a esta situación e determinar a natureza dos fallos que se produciron e, de ser o caso, as responsabilidades que se deriven e as medidas sancionadoras oportunas.

Solicitan tamén medidas correctoras tanto técnicas como regulamentarias necesarias para solucionar o problema. Tamén que se incorpore á Comisión de desencoro ás Confrarías de Rianxo e Carril e á Plataforma en Defensa da Ría de Arousa (PDRA), en todo o referente á xestión do conxunto dos encoros de Portodemouros, Brandariz e Touro. Por último, piden unha reunión para dialogar sobre este problema "na procura de solucións".

No escrito relatan tamén os últimos acontecementos e explican que as fortes choivas de mediados de xaneiro de 2023 nas concas hidrográficas dos ríos Ulla e Umia coincidiron cos encoros excesivamente cheos, "o que ocasionou a perda da súa capacidade demoduladora do caudal de ambos os ríos e provocaron unha forte baixada da salinidade na columna de auga ata varios metros de profundidade".

Apuntan ademais que isto ocorreu ao mesmo tempo que se produciu un importante incremento da turbidade das augas río abaixo do Ulla e na ría de Arousa como consecuencia do achegue de partículas en suspensión procedentes dos desaugadoiros de fondo dos lodos dos encoros. "Esta situación non é a primeira vez que se produce, aínda que esta vez foi moito máis intensa que outras veces", destacan.

A Plataforma argumenta ademais que actualmente existe unha previsión meteorolóxica "bastante precisa" e non se pode atribuír a falta de capacidade demoduladora dos encoros á ausencia de coñecemento.

Afirman que é "previsible" que se vaia a producir unha importante mortalidade de bivalvos nunha ría "xa de seu castigada por unha recorrente baixada de produción como consecuencia do abandono das súas funcións de tutela do medio natural por parte da Xunta".

Marisqueo na ría de Noia
Marisqueo na ría de Noia | Fonte: Europa Press

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta
Comentarios 1 comentario

1 R_D

E os recentes estudos científicos avalan estas afirmacións https://www.researchgate.net/public... https://www.researchgate.net/public...