O PSdeG atopa ao seu "Messi" para competir con Rueda pola Xunta

A marcha de Miñones e a volta de José Ramón Besteiro á política activa como delegado do Goberno en Galicia apunta a un gran movemento político do PSdeG de cara ás eleccións galegas. "Demostra que temos equipo", indican fontes socialistas.

Por Europa Press / Redacción | Santiago de Compostela | 27/03/2023 | Actualizada ás 22:00

Comparte esta noticia

O PSdeG move ficha de cara a contenda electoral das galegas. Tardou en facelo, pero a dirección dos socialistas galegos tivo que botar man de Madrid, e de Ferraz --a sede do PSOE-,- para atopar unha boa estratexa.  A elección do ata agora delegado do Goberno en Galicia, José Miñones, como ministro de Sanidade abre novas posibilidades para este partido de cara a cita electoral das galegas, pero tamén da inminente batalla electoral das locais e das xerais deste ano.

José Miñones e José Ramón Besteiro en declaracións aos medios
José Miñones e José Ramón Besteiro en declaracións aos medios | Fonte: EP

Ata agora, o nome de Miñones como candidato dos socialistas galegos á Xunta xa aparecera nas quinielas. De feito, houbo quen interpretou a súa elección como delegado do Goberno central como un aviso importante neste sentido. Pero, nos últimos meses esta posibilidade foi perdendo fuelle ante a posibilidade de que o elixido fora o "Messi" da política galega.

De feito, ese foi o apelativo utilizado polo secretario de Organización do PSdeG, José Manuel Lage para referirse ao ex secretario xeral dos socialistas galegos, José Ramón Besteiro, tras quedar libre de toda imputación xudicial. O propio Valentín González Formoso, o actual secretario xeral do PSdeG e presidente da Deputación da Coruña, tamén afondou nesa hipótese. Unha posibilidade que quedou, finalmente, niso, nunha posibilidade, tras o silencio de Besteiro.

GÓMEZ BESTEIRO VERSUS MIÑONES

Pero a marcha de Miñones a Madrid trae novos cambios ao PSdeG, formación que aínda non designou ao que será o seu aspirante á Presidencia da Xunta. González Formoso anunciou que volvería competir como candidato á Alcaldía das Pontes e, por ende, á Presidencia da Deputación da Coruña, se o PSdeG é quen de mantela. E iso deixou, novamente, o camiño aberto para elixir a unha persoa que poida competir con Rueda.

E semella que as decisións comezan a tomar forma. A marcha de Miñones a Madrid abriu a porta para Besteiro que volve á política activa como delegado do Goberno en Galicia o que lle dará unha nova plataforma para ser elexido, logo, candidato socialista ás eleccións galegas. Besteiro é o elexido pola dirección galega para competir con Rueda.

De feito, outras voces apuntan que Besteiro prefería o ministerio e que o seu nome foi un dos que se deu para ocupar o posto de ministro no canto de Miñones para, deste xeito, ter unha maior proxección política. "Pero, finalmente, Madrid decantouse por Miñones", apuntan estas fontes que lembran que o xa ex delegado do Goberno tiña fío directo con Sánchez.

"Isto demostra que temos un bo equipo", aseguran fontes da dirección consultadas por GC que non descartan que Besteiro ou Miñones sexan bós rivales de Rueda nas eleccións galegas. "Calquera dos dous é moi bo candidato. O caso é que o PSdeG ten un banquillo sólido", indican.

"LOITAREMOS PARA ISO"

A viceportavoz do Grupo PSdeG, Begoña Rodríguez Rumbo, evitou este mesmo luns, tras ser preguntada ao respecto, pronunciarse. Así dixo que, polo momento, "non están" nesta situación no partido --a elección dun candidato á Xunta-- e que no seu momento convocarase o proceso interno para decidilo para que "se presenten todas as persoas que o decidan".

De todos os xeitos, dixo "non ter dúbida" de que, aínda que podería ser unha muller, haberá un "próximo presidente socialista" á fronte da Xunta. "Loitaremos para iso", manifestou, aínda que "agora non toca decidir a persoa que vai encabezar a lista dos socialistas", sentenciou.

Tamén no PPdeG están convendidos de que a saída de Miñones ten que ver co futuro do PSdeG en Galicia. O propio líder do PP, Alberto Núñez Feijóo, considerou que o nomeamento do ata agora delegado do Goberno en Galicia como novo ministro de Sanidade "probablemente" responde a unha "decisión orgánica" do partido, que é buscar un candidato á Presidencia da Xunta", tendo en conta que "parece ser que non ten".

De non producirse un adianto electoral, as eleccións autonómicas en Galicia terán lugar a mediados de 2024. Para iso, tanto PPdeG como BNG xa elixiron aos seus candidatos, que serán o actual presidente da Xunta, Alfonso Rueda, e a líder do Bloque, Ana Pontón.

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta