Inditex manterá estables os seus prezos, con "axustes selectivos"

Maceiras di que EE.UU. é un "mercado tremendamente atractivo" para Inditex

Por Europa Press / Redacción | A Coruña | 27/03/2023 | Actualizada ás 13:32

Comparte esta noticia

O conselleiro delegado de Inditex, Óscar García Maceiras, subliñou a aposta da compañía por Estados Unidos, país no que Zara acometerá entre 2023 e 2025 polo menos 30 proxectos (novas tendas, recolocacións e ampliacións), en cidades como Nova York, Los Ángeles, Miami, Chicago, Boston, Dallas, Austin e As Veigas.

"Cremos que nestes momentos é un mercado moi atractivo. Cremos que hai un conxunto de tendencias en Estados Unidos que nos están favorecendo. Estados Unidos é un mercado que, dunha maneira selectiva e con sensatez, é tremendamente atractivo para Inditex e imos seguir apostando por el. Se o fas ben ten uns retornos moi importantes, pero é un mercado esixente e, conscientes diso, imos realizar unha aproximación moi sensata e moi racional",dixo.

Doutra banda, insistiu en que na compañía manterá estables os seus prezos, aínda que con "axustes selectivos" en "situacións excepcionais", como, por exemplo, en determinadas economías cunha depreciación continuada da moeda. "Eses axustes son selectivos, non son para todos os nosos produtos, para todos os nosos formatos; son axustes que nos que tomamos en consideración o mercado, a familia de produto, o formato comercial.

Ao final, o obxectivo é non perder a esencia do que somos, que é tratar de ofrecer a última moda da mellor calidade e a un prezo razoable para os nosos clientes e iso ímolo a seguir defendendo custe o que custe", indicou.

O conselleiro delegado de Inditex, Óscar García Maceiras
O conselleiro delegado de Inditex, Óscar García Maceiras | Fonte: M. Dylan - Europa Press

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta