2015, ¿renacemento ou fume?

Podemos di : 2015 será o ano do cambio. Loxicamente, quen queira mellorar o vello, ten que falar de cambio. A UCD falou de cambio, o PSOE fixo bandeira do cambio e o PP, non o esqueceu. para relevar no goberno á socialdemocracia. É a promesa de tod@s cando non recuncan na gobernanza. Dou por certo que “o cambio” vai ser unha estrela propagandística. Seguramente cando remate este ano que leva días de estreo, algúns cambiaran e outr@s, coma sempre, amosarán o seu sentir conformista, co dito , “ imos tirando ”.

Por Fermín Paz | As Pontes | 15/02/2015

Comparte esta noticia
 A vida, ademais de moitas cousas, é : tensión, desequilibrio, conflito e ideoloxía. As organizacións políticas que queiran representación popular nas campañas do 2015, non deben esquecelo. O cambio,  pasa por falar do que se quere transformar da realidade, como, con, e para que, ademais duns procesos lonxe de promesas falsarias, de imaxinería táctica  ou dos  enganos “democráticos”, d@s que non se presentan. Non dubido que o cambio é unha necesidade sociopolítica.
 
¿Por que razón as persoas facémonos cada ano tantos conxuros de emenda e mellora? ¿Hai algunha razón lóxica para comportámonos deste xeito? ¿Será que realmente eses días, por ser novos (igual que calquera día), teñen que procurarnos a solución os nosos males ou problemas ?. Aquel@s que nos propoñen o ano novo como un renacemento persoal e xeral,  non deixan de ser, vendedor@s de fume.  É unha carallada como tantas outras.
 
A natureza nada lle supón  o inicio dun ano. ¿Entón?. Por que n@s,  esperamos a súa chegada con tanta ledicia?.  Probablemente, construímos unha raia imaxinaria na nosa mente  para darnos esperanzas dunha mellor vida sen percibir que esta, é unha suma e resta de experiencias, construídas sobre os acertos-erros de espáceos de tempo que poucas veces teñen que ver con os 365 días que agachamos cando falamos dun ano calqueira. Certo que, aproveitaremos algúns  anacos deste tempo para renovarn@s e renovar os nosos pensamentos, así como asentar algúns outros ( que precisarán mais longura), como principios. En xeral,  as barreiras e muros imaxinarios parecen á vez  reais,   cando fan parte da nosa maneira de ser e de estar no mundo. Son condicionantes dos que en ocasións nos laiamos e cos que vivimos ata morrer.
 
Precisamos acreditar unha realidade tanxible e non a ficción xerada na nosa mente,  tanto pola programación do Sistema como d@s prometedor@s e aspirantes a decididor@s. Mellor un pouco de tolemia, talvez irracional, talvez lóxica, para que aprendamos a non ver todo o que  miramos, a non escoitar todo o que oímos  e a non repetir todo o que outros din,  e sé cadra a sermos  e facer felices a quen  convidamos ou nos convida a bailar, amar, rir,  chorar,  a solidariedade ou a calquera proxecto individual ou colectivo. 
 
Estou convencido de que  o vello e o novo,  xuntan,  na maioría da xente. Na actualidade política, o novo, non dubido que terá pegada e tamén sei, que o vello non deixará de tela.  Logo, todo asentara e xa miraredes como as transformacións de producirse,  precisan de moitísimos mais de 31.536.000 tictac dos reloxos (xa sei, todo ten un comenzo), de loita, sufrimento, traballo, negociación, organización e poder democrático. Do imaxinario das promesas e do desexado por cada partido teremos que virar o real, nun marco mais que probable de pactos, acordos e consensos.  A gobernación será o seu xustificante e os discursos que antes nos quentaron as orellas, darán paso  a cuestións de reparto, das que  agora quero facer  recordatorio.
 
Na política sempre houbo canibalismo, aínda que hoxe non me interesa falar delo, xa se amañarán no Psoe. A reunión nos derradeiros días do ano pasado entre Pablo Iglesias-Erejón e Zapatero-Bono (entre outros), supón que a raia entre a vella política e os aspirantes  a outro xeito o de gobernar, non é real, é imaxinaria. Ademais dun canto a deslealdade no primeiro dos casos é unha práctica vella, onde o discurso  terma o que terma, pouquiño. Non sei de que falaron  pero non é a primeira vez  que caín da pola dunha arbore para dar creto, a neutralidade da xuntanza.
 
Vou lembrar a realidade, cun exemplo. Cando Touriño en campaña electoral deixou claro no pseudodebate político das eleccións galegas que o principio “quid pro quo” no ía ser o seu principio para formar un goberno alternativo, moito matinei naquelas verbas (...,“no caso dun goberno alternativo ao Sr Fraga este será presidido por un socialista ou Fraga seguirá a gobernar”...,). A miña conclusión foi : xamais sería posible unha relación de igualdade entre o nacionalismo galego coa socialdemocracia ( aínda que se chame pacto de esquerdas ou progresista). Tanto é así, que non dubido aínda hoxe:  si eles (os do Psoe), non acadan mais representación que o BNG no 2005, Fraga, seguiría a gobernar. 
 
 
¡ Aviso a mariñeiros da marea política!
 
O voto terá mobilidade nos apoios as candidaturas pero manterá unha certa identidade política na maioría d@s votantes ( na dicotomía esquerda-dereita). A centralidade electoral é a indecisión xogarán a favor do PP. As eleccións  que veñen  traerán cambios  no mapa político pero é moito supoñer dunha correlación  de novidades na acción política. 
 
Na análise, tamén deberíamos ter en conta, que:
-  Imos cara a gobernos en minoría ou  en coalición e neles ( concretamente nas xerais), pode que asistamos a unha clarificación do encontro (Psoe-Podemos), e mesmo, a  unha expresión actualizada da formulación do principio “algo a cambio de algo”, na relación entre algún dos garantes da orde institucional actual e os que imaxinan un cambio de sistema da man de Podemos;
- Este novo partido é un xermolo de proxecto político. Hoxe, é unha denuncia  dos males do bipartidismo e da vella política ( que antes xa denunciaran outros), mañá, xa miraremos o que da de si, na súa acción. Pode que asistamos a un renacemento da política ou pode  que outra vez, fume.
 
Na Galiza, compre saber que moita xente do común está a deixar de acreditar no nacionalismo como unha esperanza de cambio. O resistencialismo non é unha alternativa para saír da encrucillada. Perder asentamento e influencia para o nacionalismo galego, vai mais lonxe que noutras alternativas. 
 
Xa falei noutros artigos, da necesidade do renacemento na dialéctica política galega. O meu chamado a   organizacións, colectivos e persoas nacionalistas  ten como obxetivo, unha nova suma de vontades, esforzos, sentimentos e desexo dunha identidade soberana. Os  minifundios políticos, os localismos e  persoalism@s, son os maiores responsables da falla de alternativas e xustificativos da situación actual. Os vell@s, xa tivemos a nosa oportunidade. Conformemos agora, con apoiar e ofrecer a nosa experiencia de acertos mais erros, nunha só  organización nacionalista, integradora das  necesidades e aspiracións das clases populares, cun proxecto concreto de nación coas súas vertentes sociais e coas consecuencias xuridico-políticas que supón tal definición, liderado por homes e mulleres para este novo tempo. É o mellor contributo para serm@s nos mesm@s.
 
A miña certeza é : o 2015 é un ano mais e un menos, segundo o miremos. A esta afirmación podedes darlle as voltas que queirades,  é a real. Moit@s  imaxinarán quen sabe que cousas co  cambio no mapa electoral. Conformaría eu, con que chegara para non ter que dicir: nada novo, todo vello.

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Fermín Paz A miña actividade política e social ven do ano 1970. Militei e tiven responsabilidades en organizacións do nacionalismo galego a nivel local, comarcal e nacional. A nivel Internacional, Secretario Xeral da Unión Internacional de Sindicatos da Enerxía-Química e Petróleo e da Comisión Executiva dos Sindicatos da Enerxía- Química e do Petróleo da rexión Europea-Paises árabes. Secretario Xeral da Asociación Internacional Droit á l´énergie-Sos Futur con sede en Paris e representante da Ong no Consello Económico e Social da ONU. Na actualidade estou xubilado e fago colaboracións en revistas, publicacións e Foros Internacionais de análises política ou sindical.