Convocados paros na empresa Jevaso para esixir condicións laborais "dignas"

Os paros inícianse na noite deste xoves.

Por E.P. | A CORUÑA | 30/03/2023 | Actualizada ás 19:43

Comparte esta noticia

O comité de Jevaso, empresa dedicada á fabricación téxtil, convocou unha xornada de folgas parciais entre este xoves e o venres en demanda de melloras laborais e salariais para o persoal.

Os paros inícianse na noite deste xoves, entre as 22,00 e as 23 horas para o persoal da quenda de noite e continuarán de seis a sete da mañá para a quenda da mañá e das 14,00 ás 15,00 horas para a quenda de tarde.

Sobre os mesmos, a CIG indica que se convocaron "ante o bloqueo patronal na mesa de negociación aberta despois das mobilizacións que as traballadoras e os traballadores realizaron en novembro en rexeitamento á precariedade que padecen".

"Con todo, despois de tres reunións, a dirección non só non atendeu ás demandas da parte social en materia de xornada, salario, descansos ou prevención de riscos, senón que nin sequera presentou unha contraoferta, dando a negativa por resposta a cada unha das reivindicacións baixo a escusa de que non pode asumir ningún custo económico".

Jevaso é unha empresa que, segundo a central sindical, "só nos centros de traballo de Arteixo conta cun cadro de persoal de máis de 600 persoas e en determinados períodos ata 400 persoas máis contratadas por empresas de traballo temporal", sinala sobre unha compañía que presta servizos auxiliares da industria téxtil de pasado de ferro, confección e loxística.

Mobilización de persoal de Jevaso. CIG
Mobilización de persoal de Jevaso. CIG

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta