O Banquete de Conxo celebrarase entre o 12 e o 14 de maior en Santiago na súa cuarta edición

O día grande será o domingo 14 de maio co desfile teatralizado do Banquete que percorrerá as rúas da capital galega baixo a coordinación artística dos Quinquilláns.

Por Europa Press / Redacción | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 31/03/2023 | Actualizada ás 17:33

Comparte esta noticia

Santiago de Compostela acollerá os días 12, 13 e 14 de maio a cuarta edición da festa do Banquete de Conxo, que contarán cunha romaría popular aberta a todo o mundo na que se farán diversas recreacións teatrais do Banquete de Conxo e que estará amenizada por distintas actuacións musicais.

O alcalde de Santiago de Compostela, Xosé Sánchez Bugallo, avanzou este venres algúns detalles da celebración acompañado polos personaxes de Aurelio Aguirre, Luís Rodríguez Seoane e Fandiño, interpretados polos Quinquilláns, e de Cecilia Carballido, coordinadora do evento.

Na rolda de prensa, o rexedor fixo un chamamento a todos os barrios e parroquias da cidade a participar nesta festa de "fraternidade, da liberdade e da igualdade", valores que "simbolizan aquel acto de confraternidade histórico do Banquete de Conxo" que reuniu a estudantes e artesáns na antiga Carballeira de Conxo.

Así mesmo, animou á participación dos veciños e lembrou que todo o que queira pode acudir vestido de época á romaría que terá lugar o domingo día 14 e unirse ás recreacións teatrais, así como aos talleres para preparar os disfraces.

Unha das novidades desta edición é a suma de novos barrios e parroquias á festa. "Estamos en contacto con entidades e veciños para articular a participación do barrio de Sar e a parroquia de Villestro coas súas propias propostas", explicou o alcalde.

Pola súa banda, a organizadora do evento, Cecilia Carballido, destacou que o programa deste ano incluirá un novo espazo que consistirá nun posto de asesoramento e aluguer de complementos propios da vestimenta adecuada ao século XIX relativos a estudantes, artesáns, obreiros, fidalgos e curas, entre outros.

O DOMINGO 14 DE MAIO SERÁ O DÍA GRANDE

O día grande será o domingo 14 de maio co desfile teatralizado do Banquete que percorrerá as rúas da capital galega baixo a coordinación artística dos Quinquilláns. Pola tarde celebrarase 'O serán da Fraternidade', cunha comida colectiva na Carballeira de Conxo, á que seguirá unha foliada que estará ameazada por música e bailes tradicionais. Nos próximos días publicaranse as indicacións para participar nos diferentes eventos e nos talleres de preparación. Na rolda de prensa tamén se anunciou o lanzamento da convocatoria do II Certame de Brindes 'Banquete de Conxo', dirixido a alumnado de primaria, secundaria e bacharel da cidade.

Este ano, ademais, unirase á festa a Escola Municipal de Música, coa celebración da súa II Andaina musical na mañá do sábado 13. Esta iniciativa propón á cidadanía unha ruta de 3,4 quilómetros, que conxuga actuacións musicais e contacto co medio ambiente e o patrimonio natural. Ademais, os estudantes e artesáns estarán presentes na festa a través do mercado do libro e da mostra de oficios, sobre a que se está traballando e que se celebrará os días 13 e 14 de maio na Praza Aurelio Aguirre.

Presentación da festa do Banquete de Conxo que terá lugar do 12 ao 14 de maio. CONCELLO DE SANTIAGO
Presentación da festa do Banquete de Conxo que terá lugar do 12 ao 14 de maio. CONCELLO DE SANTIAGO | Fonte: Europa Press

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta