O líder de Podemos Galicia recoñece o seu apoio a Díaz pero que non acudiu ao acto pola decisión da formación

San Ramón decidiu non asistir ao pavillón de Magariños tras asistir o sábado á reunión do máximo órgano de representación do seu partido

Por E.P. | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 04/04/2023 | Actualizada ás 16:37

Comparte esta noticia

O coordinador nacional de Podemos Galicia, Borja San Ramón, falou este martes por primeira vez publicamente desde a decisión de non acudir o domingo ao acto de lanzamento da candidatura de Yolanda Díaz, despois de que confirmase a súa asistencia. Neste sentido, recoñeceu que se debeu á decisión da formación morada de non acudir á cita no pavillón de Magariños, aínda que no seo do Consello Cidadán de Podemos expresou a súa postura contraria á que se acordou internamente.

Nun acto en Pontevedra con motivo da presentación da candidata na cidade, Borja San Ramón reiterou a súa postura a favor, como xa expresara nunha entrevista con Europa Press, de que Yolanda Díaz "sexa a próxima presidenta do Goberno do Estado e que Ione Belarra e Irene Montero sexan as súas vicepresidentas".

Así, o sucesor do deputado Antón Gómez-Reino, que si acudiu ao acto de Sumar, manifestou "Podemos Galicia vai loitar por construír proxectos políticos o máis amplos posibles, que consigan ser decisivos e que consigan gobernar este país".

Na súa intervención, explicou o motivo da súa ausencia no acto de presentación de 'Sumar', o cal encadrou na súa participación Consello Cidadán Estatal de Podemos, o máximo órgano de representación da organización morada, no que trasladou "a posición de Podemos Galicia". "Tanto á miña secretaria xeral como á miña secretaria de Organización", apostilou.

"Obviamente era unha posición diferenciada da que tiña a miña organización a nivel estatal", recoñeceu o coordinador de Podemos Galicia. "Falei coa miña executiva e decidimos respectar o debate que se deu nese órgano de dirección", explicou, en referencia á decisión de non adherirse por agora ao proxecto que lidera a vicepresidenta segunda do Goberno e ministra de Traballo.

"Podemos Galicia sempre vai sumar", dixo Borja San Ramón, facendo mesmo uso do nome da plataforma que levantou á política ferrolá. "O que imos facer é seguir traballando por que politicamente se consiga isto", engadiu. "A nosa posición política está clara e nós imos traballar para que, cando teña que pasar, haxa un acordo amplo de que todo o mundo estea onde ten que estar", manifestou.

FOTO FINAL

O coordinador dos morados en Galicia cre que a secretaria xeral de Podemos, Ione Belarra, sostén "que ten que haber un acordo entre Podemos e 'Sumar', iso vai por diante" e apunta que "as cuestións que teñen que ver co contexto actual" a el impórtanlle "menos", porque o que queren é "chegar á foto final todas xuntas".

"O domingo foi unha primeira foto de todo o que ten que vir, por desgraza non puido estar todo o mundo, pero van vir máis fotos e imos seguir empuxando para que nas próximas fotos esteamos todas", engadiu.

Borja San Ramón non teme que poidan xurdir divisións en Podemos porque "vai primar a responsabilidade" e el, dixo, non contempla "un escenario onde non se vaia a chegar a un acordo".

"O que temos que primar e o que non entendería a xente é que en decembro, ou cando toque, non esteamos todas xuntas nunha candidatura que consiga que Yolanda Díaz sexa a próxima presidenta do Goberno do Estado e que Ione Belarra e Irene Montero sexan as súas vicepresidentas", sentenciou.

O coordinador xeral de Podemos Galicia, Borja San Ramón / Europa Press / Europa Press
O coordinador xeral de Podemos Galicia, Borja San Ramón / Europa Press / Europa Press

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta