Pontón enxalza Carballo como "un referente en Galicia" grazas ao goberno do BNG

A líder di que os nacionalistas "onde gobernan, demostran que teñen un modelo municipal transformador" que "fai avanzar en positivo"

Por E.P. | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 04/04/2023 | Actualizada ás 17:11

Comparte esta noticia

A portavoz nacional do BNG, Ana Pontón, acudiu este martes á presentación dos candidatos e candidatas do Bloque á Alcaldía nos distintos concellos da comarca de Bergantiños, onde reivindicou o "modelo Carballo" como exemplo do "modelo transformador" dos nacionalistas galegos nos concellos.

Nun acto conxunto celebrado en Cabana de Bergantiños, a líder do BNG estivo acompañada por Evencio Ferrero (Carballo), Carolina Castiñeiras (A Laracha), Xosé Antonio Andrade (Coristanco), Tatiana Rellán (Cabana de Bergantiños), Miguel Varela (Malpica de Bergantiños), Fátima Rodríguez (Ponteceso) e Xosé Manuel Pouse (Laxe), aos que definiu como "homes e mulleres que se presentan con toda a ilusión, con amor polos seus concellos e que van dar o mellor de si para facer avanzar os concellos nos que aspiran á Alcaldía".

En concreto, Pontón puxo a Carballo como exemplo de que o BNG, "onde goberna, demostra que ten un modelo municipal transformador" que "fai avanzar en positivo". Así, a portavoz nacional destacou que Carballo é hoxe "un referente en Galicia" polo seu "urbanismo sustentable e á medida das persoas", así como por "a recuperación e a cohesión dos barrios ou polos servizos públicos que ofrece".

"Carballo destaca tamén polas súas políticas feministas e a favor da igualdade social, polo seu gran tecido empresarial e comercial, pola conservación do medio ambiente, polo seu espectacular dinamismo cultural e pola defensa da nosa lingua común, o galego", proclamou, "sendo un lugar excelente para vivir e traballar, con calidade de vida e con benestar".

Ademais, segundo destacou a formación nacionalista nunha nota de prensa, a líder do BNG indicou que "o modelo de Carballo" é o que o BNG quere para todo Bergantiños, "con propostas en positivo, avanzadas, con determinación e con ilusión".

A portavoz do BNG, Ana Pontón, nun encontro con candidatos do Bloque a alcaldías da comarca de Bergantiños.. BNG
A portavoz do BNG, Ana Pontón, nun encontro con candidatos do Bloque a alcaldías da comarca de Bergantiños.. BNG | Fonte: Europa Press

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta