Pacientes levarán ao Sergas á Xustiza se non publica todos os datos das listas de espera

Rueda desta os "bos resultados" das listas de espera en Galicia

Por Europa Press / Redacción | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 05/04/2023 | Actualizada ás 17:51

Comparte esta noticia

A Asociación de Pacientes e Usuarios do CHUS (Complexo Hospitalario Universitario de Santiago) deu un mes de prazo á Consellería de Sanidade antes de acudir aos tribunais para que se publique toda a información sobre as listas de espera cirúrxicas, estruturais e non estruturais, entre outros datos, correspondentes ao peche de 2021.

En concreto, este colectivo presidido por Fernando Abraldes estuda interpor un recurso contencioso-administrativo por "vulneración de dereitos fundamentais" porque, tal e como denuncia nun comunicado, a Xunta declárase " en rebeldía e négase a cumprir" unha resolución da Comisión da Transparencia de Galicia, cuxa presidenta é a Valedora do Pobo, María Dores Fernández Galiño.

Este asunto remóntase a hai un ano, marzo de 2022, cando a Asociación de Pacientes e Usuarios do hospital compostelán solicitou á Consellería datos sobre as listas de espera a 31 de decembro de 2021 en base ao recolleito no Anexo IV do Real Decreto 605/2003 sobre o tratamento homoxéneo de información no Sistema Nacional de Saúde.

Esta normativa contempla unha serie de cifras que os gobernos autonómicos deben elaborar e remitir cada semestre ao Ministerio de Sanidade, e son datos máis amplos que os que habitualmente se publican.

Por exemplo, inclúen as listas de espera non estruturais, é dicir, as daqueles pacientes que están pendentes de ser atendidos pero non por causas atribuíbles á organización dos recursos dispoñibles, senón porque non se lles pode programar unha operación ou ben porque son derivados a outro centro do propio Sergas ou á sanidade concertada.

Tamén recolle a chamada "demora media prospectiva", que é o tempo estimado que tardaría o sistema sanitario en absorber o total de persoas que están nas listas para unha intervención cirúrxica.

Ante esta solicitude, a Secretaría Xeral Técnica da Consellería de Sanidade respondeu o 6 de xuño de 2022 remitíndose ás ligazóns públicas recollidos na web do Sergas sobre a materia, pero que non recollen toda a información do Real Decreto 605/2003, tal e como pedía a asociación de pacientes.

COMISIÓN DE TRANSPARENCIA

Posteriormente, o colectivo acudiu á Comisión de Transparencia de Galicia. Neste novo procedemento, tal e como recolle a resolución do órgano, á que tivo acceso Europa Press, o Sergas volveu contestar que a información solicitada era pública na súa web e que os datos a maiores que pide a asociación "requiriría a confección dun traballo 'ad hoc' e suporía tanto unha laboriosidade na extracción" como "unha complexidade técnica na súa análise posterior".

Con todo, a Valedora do Pobo, presidenta da Comisión de Transparencia, resolveu o asunto o 4 de outubro de 2022 que "non se xustifica de maneira clara" que haxa que facer esa reelaboración e instou á Xunta a que, no prazo de 10 días hábiles responda á petición de información.

Días máis tarde, o 15 de novembro, a Consellería de Sanidade remitiu á Asociación de Pacientes do CHUS un informe de 84 folios que recolle a mesma información. Ata día de hoxe, este colectivo de usuarios continúa queixándose porque "segue sen poder acceder a toda a información" que solicita sobre as listas de espera.

Edificio da Consellería de Sanidade e Servizo Galego de Saúde  (Sergas) / Europa Press  / Europa Press
Edificio da Consellería de Sanidade e Servizo Galego de Saúde (Sergas) / Europa Press / Europa Press

INFORME DO MINISTERIO

Precisamente, esta semana o Ministerio de Sanidade facía públicos os datos, desagregados por autonomías, das listas de espera a peche de 2022 --un ano máis tarde dos que pide a Asociación de Pacientes e Usuarios do CHUS--.

De acordo con este informe, que recolle só as listas estruturais, o Sergas mellora os valores de metade de ano e sitúase como terceiro sistema sanitario con menor demora --75 días-- ao rexistrar 46.161 pacientes pendentes dunha operación. Non entanto, aínda son peores que as do balance de 2019, antes de irromper a pandemia da covid-19.

RUEDA



Pola súa banda, opresidente da Xunta, Alfonso Rueda, destacou a "parte boa, moi boa" para Galicia dos últimos datos difundidos polo Ministerio de Sanidade en relación ás listas de espera, aínda que agregou que espera "mellorar" e recuperar as "excelentes" cifras prepandemia unha vez que se perciban os efectos das últimas melloras organizativas.

"Ser a terceira comunidade, moi preto da segunda, quere dicir que se está facendo un esforzo moi importante. A contraparte é que hai un número importante que esperan por unha operación, ou por unha consulta. Pero comparada coa situación doutras comunidades, xa sei que é un consolo relativo, Galicia é a terceira comunidade con mellores cifras e iso é importante", esgrimiu.

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta