Os tres grupos parlamentarios volven pedir avances para o traspaso da AP-9

A Cámara galega reclamou, cos votos a favor de PP e BNG e o 'non' do PSdeG, que o Estado transfira a Galicia fondos europeos Next Generation para a súa xestión directa na comunidade.

Por Europa Press / Redacción | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 11/04/2023 | Actualizada ás 21:06

Comparte esta noticia

PP, BNG e PSdeG volveron a votar de forma conxunta en demanda de avances na tramitación da lei aprobada por unanimidade na Cámara galega para o traspaso da titularidade a Galicia da autoestrada AP-9, un texto que, como coincidiron todos os grupos, entra "en tempo de desconto" debido ao final da lexislatura no Estado.

A proposición foi levada ao pleno do Parlamento galego celebrado este martes polo BNG e solicitou o apoio de populares e socialistas. En concreto, a iniciativa insta os grupos políticos con representación no Congreso a apoiar o texto lexislativo nos termos nos que foi aprobado en Galicia "co obxectivo de garantir a aprobación do traspaso no prazo máis rápido posible".

O nacionalista Luis Bará incidiu en que existe un "risco real" de que isto ocorra, o que suporía "un fracaso, unha frustración e unha traizón a Galicia" que tería como "responsables" a quen "levan anos boicoteando e saboteando esta transferencia". Así, o deputado nacionalista acusou a socialistas e populares de introducir emendas ao texto para "dilatar" no tempo de "forma intencionada" a tramitación do texto, cuxo mantinimiento nos termos "íntegros" nos que foi aprobado pide o BNG.

Pola súa banda, o encargado de defender a postura do grupo maioritario, o deputado do PP José Manuel Balseiro, apuntou que as emendas do seu partido no Congreso ao texto legisativo van orientads a garantir que a transferencia "veña acompañada dos recursos necearios para a súa explotación".

Na quenda do Grupo Socialista, a deputada Patricia Otero sinalou que apoiarían "sen ningún punto, ningunha coma" a iniciativa presentada polo BNG, ao que, con todo, afeou as súas críticas ao proceder do PSOE no Congreso. Así mesmo, Otero sinalou ao PP que o acordo unánime do Parlamento de Galicia para pedir a titularidade desta autoestrada ao Estado chegou "en varias ocasións" ao Congreso pero foi "bloqueda" pola entón presidenta da Cámara baixa, a popular Ana Pastor, durante o goberno do tamén popular Mariano Rajoy.

Votación de Pleno do Parlamento sobre Consello de Contas
Votación de Pleno do Parlamento sobre Consello de Contas

FONDOS NEXT GENERATION

A Cámara galega reclamou, cos votos a favor de PP e BNG e o 'non' do PSdeG, que o Estado transfira a Galicia fondos europeos Next Generation para a súa xestión directa na comunidade de face a dar cobertura ao financiamento dos denominados "proxectos tractores". A iniciativa, defendida polo portavoz parlamentario dos populares no Pazo do Hórreo, Pedro Puy, saíu adiante durante o debate das proposicións non de lei durante a sesión plenaria celebrada este martes no Parlamento de Galicia.

En concreto, o texto pide ao Goberno central que ceda á Comunidade galega a xestión de fondos europeos Next Generation dado que, segundo Puy, o modelo de "cogobernanza" que quixo implantar o Estado para a súa distribución resultou errado. Neste sentido, o portavoz dos populares censurou a "discrecionalidade" na repartición destas partidas xestionadas desde o "centralismo" con, en ocasións, rumbos "partidistas". Isto, continuou Puy, foi denunciado "mesmo por comunidades non gobernadas polo Partido Popular", o que supuxo a "discriminación" a algunhas comunidades, entre as que incluíu a Galicia.

Na súa quenda, a parlamentaria do Bloque Noa Presas mostrou a súa satisfacción por que o PP "se caia da burra" e "defenda agora que Galicia ten dereito a xestionar os seus fondos", o que atribuíu aos "momentos de galeguismo" que, di, "éntranlle ao PP cando goberna o PSOE".

REXEITADA UNHA PROPOSTA DO BNG SOBRE EÓLICA MARIÑA


Unha iniciativa presentada polo BNG no pleno do Parlamento de Galicia en contra do desenvolvemento da eólica mariña na costa galega foi rexeitada polos votos de PP e PSdeG, que acusaron aos nacionalistas de estar "en contra do desenvolvemento das enerxías renovables". A proposición non de lei defendida pola parlamentaria do Bloque Rosana Pérez durante a sesión plenaria celebrada este martes contou co único apoio do grupo propositor, que pedía a declaración da costa galega como "zona excluída de instalacións de eólica mariña".

"É curioso ver que os que din defender a pesca galega aquí (Galicia), en Madrid e en Bruxelas non sexan capaces de defender ao sector pesqueiro na súa oposición aos POEM", espetou Pérez, que acusou a populares e socialistas de estar "ao servizo da patronal eólica". A deputada do Bloque instou a PP e PSdeG, aos que ve "sempre á beira das grandes compañías eléctricas", a "preguntar" aos mariñeiros "afectados" pola delimitación de zonas para o desenvolvemento de proxectos de éolica mariña. Para Pérez, "dá igual o que digan os demais", o "posicionamento" de PP e de PSOE é "a favor dun modelo claramente depredador" co territorio.

A parlamentaria do PSdeG Patricia Otero tamén cargou contra a postura do BNG, aos que acusou de practicar dunha "política ambiental de sofá e de salón" "Vostedes (BNG) oponse de forma frontal a todas as enerxías renovables", espetou Otero que, a continuación, asegurou que os nacionalistas pretenden que a "única dependendencia" que "queren seguir tendo" en materia enerxética é ao carbón.

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta