'En galego, aquí e agora', lema das manifestacións de Queremos Galego este 17 de maio

O voceiro de Queremos Galego chama a atención sobre o feito de que, por primeira vez en décadas, haxa partidos políticos que están a desenvolver a precampaña con cartelaría e anuncios en español.

Por Galicia Confidencial | Compostela | 12/04/2023 | Actualizada ás 13:21

Comparte esta noticia

Representantes da xestora da plataforma cidadá Queremos Galego, da que forman parte máis de 500 entidades, presentaron esta mañá en rolda de prensa o lema que presidirá as manifestacións que se celebrarán o 17 de maio nas principais vilas e cidades de Galiza. En galego, aquí e agora  aproveita a proximidade das eleccións municipais para reclamar o papel normalizador dos concellos fronte ao desleixo do resto de poderes públicos, "porque a situación de emerxencia lingüística non permite esperar outros 40 anos a que as institucións se dignen a cumprir as súas obrigas".

arta Gómez de Galiza Nova, Lucía López do BNG, Suso Bermello e Susana Méndez da CIG, Marcos Maceira voceiro de Queremos Galego, Olga Patiño da ASPG e Dores Vidal de A Mesa
arta Gómez de Galiza Nova, Lucía López do BNG, Suso Bermello e Susana Méndez da CIG, Marcos Maceira voceiro de Queremos Galego, Olga Patiño da ASPG e Dores Vidal de A Mesa | Fonte: remitida

Queremos Galego advirte da situación de emerxencia lingüística cando se fan 40 da aprobación da Lei de Normalización Lingüística, "unha lei da que destacou máis o desleixo, a pasividade ou o boicot directo das administracións públicas -nomeadamente da Xunta, do Goberno español e do poder xudicial-  que a vontade das institucións por reparar, repor e normalizar a lingua que une galegas e galegos" en palabras do voceiro da plataforma, Marcos Maceira.

"As máis de 500 entidades que integran a plataforma levan 40 anos reclamando a oficialidade real, para poder recibir atención en galego sen obstáculos, para poder ver audiovisual en galego en igualdade de condicións ou para ter o ensino en galego", suliñou.

A plataforma denuncia "impedimentos de todo tipo", entre elas, que os docentes non poden impartir materias na nosa lingua, ben por impedimento legal ou por ausencia de materiais. Tamén que a canle pública estatal non emite nin un só segundo de programación infantil ou xuvenil en galego ou que "na xustiza e na saúde campa o ananlfabetismo en galego e á Xunta e ao goberno español nin lles importa que en reiteradas ocasión o Consello de Europa sinalase o mínimo que teñen que facer para garantir o dereito ao uso do galego". "Os poderes públicos só cumpren as súas obrigas respecto á lingua cando a sociedade llo reclama", sentencia Maceira.

Neste sentido, o voceiro de Queremos Galego chama a atención sobre o feito de que, por primeira vez en décadas, haxa partidos políticos que están a desenvolver a precampaña con cartelaría e anuncios en español. "Indican deste xeito o seu desprezo ao principal sinal de identidade e cohesión social en Galiza, a lingua", denuncia Maceira.  Por iso, a plataforma de defensa da nosa lingua Queremos Galego sairá ás rúas das principais cidades e vilas de Galicia o 17 de maio ás 12h, para reivindicar "a vida en galego, aquí e agora". 

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta