A Xunta acusa ao BNG de "termalfobia" e "turismofobia" e bota balóns fóra sobre que as Burgas sigan pechadas

A deputada nacionalista Noa Presas, criticou o "bloqueo termal" da Administración autonómica á terceira cidade de Galicia: "O problema é a 'ourensofobia' que teñen vostedes".

Por Europa Press / Redacción | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 12/04/2023 | Actualizada ás 19:59

Comparte esta noticia

O vicepresidente primeiro da Xunta, Francisco Conde, acusou este mércores ao BNG de practicar "termalfobia" e "turismofobia", á vez que culpou ao Concello de Ourense de que as termas das Burgas continúen pechadas.

Así o respondeu no pleno do Parlamento galego ao responder a unha pregunta oral da deputada nacionalista Noa Presas, quen criticou o "bloqueo termal" da Administración autonómica á terceira cidade de Galicia: "O problema é a 'ourensofobia' que teñen vostedes".

Ademais, a deputada do BNG lembrou aquela promesa do presidente da Xunta, Alfonso Rueda, de crear no seu goberno unha área de termalismo, "da que non se anunciou nin orzamento, nin persoal, nin funcións".

Na súa resposta, o vicepresidente primeiro da Xunta acusou ao Bloque de "turismofobia", lembrando a campaña 'Rachemos co Xacobeo' que lanzara Galiza Nova en 2021. A isto engadiu a "termalfobia" que desprenden os nacionalistas coa exposición de motivos do texto da pregunta oral rexistrada no Parlamento.

Neste sentido, lamentou que Noa Presas non coñeza "a capacidade instalada" que ten Galicia desde o punto de vista termal, con 21 balnearios e 11 aproveitamento lúdicos termais só na provincia de Ourense.

Así, Francisco Conde aproveitou a resposta para reivindicar a "seguridade xurídica" que dá a lei de aproveitamento lúdico de augas termais de Galicia en vigor desde 2020 e que a deputada do BNG cualificou de "fracasada".

Sobre As Burgas, o vicepresidente lembrou que o espazo foi "regularizado" pola Xunta o 28 de decembro de 2021 e que "a partir de aí" a responsabilidade de reabrilas corresponde aos titulares das concesións, algo que "non fixeron" en 2021 a pesar de que se lle concedeu unha axuda ao Concello de Ourense para acometer as actuacións necesarias. En calquera caso, confirmou que tamén a concederán na nova convocatoria en 2023.

O vicepresidente primeiro da Xunta, Francisco Conde, no Parlamento galego.. XUNTA
O vicepresidente primeiro da Xunta, Francisco Conde, no Parlamento galego.. XUNTA | Fonte: Europa Press

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta