Fiscalía pide 14 anos de prisión para o mozo de Nerea Añel tras abandonala cando sufriu unha caída

A moza faleceu en xaneiro de 2020, cando se atopaba coa súa parella, aínda que o seu cadáver non foi localizado ata 8 meses despois.

Por Europa Press / Redacción | OURENSE | 13/04/2023 | Actualizada ás 18:38

Comparte esta noticia

O Ministerio Fiscal considera ao noivo da moza ourensá Nerea Añel, cuxo cadáver foi localizado en Barbadás tras oito meses desaparecida, culpable dun delito de homicidio por omisión e pide para el 14 anos de prisión.

Así o reflicte o escrito de acusación fiscal en relación a este caso, que, a falta aínda de celebrar a audiencia preliminar, deberá xulgar un xurado popular na Audiencia de Ourense. A moza Nerea Añel, de 26 anos, desapareceu no mes de xaneiro de 2020. Concretamente, a súa familia viuna por última vez a noite de Reis.

Nerea Añel, desaparecida en Barbadás en xaneiro de 2020
Nerea Añel, desaparecida en Barbadás en xaneiro de 2020

As batidas para tratar de localizala, que se centraron nas inmediacións dun motel en Barbadás onde fora vista en compañía da súa parella, foron infrutuosas e non foi ata setembro dese ano cando uns excursionistas se atoparon cos seus restos nunha zona boscosa próxima onde fora situada por última vez. A autopsia revelou que sufrira unha morte violenta.

O escrito de acusación de Fiscalía sitúa os feitos o 15 de xaneiro de 2020, cando a vítima e a súa parella, acusado o homicidio, rexistráronse nun motel de Barbadás. Ao longo da tarde dese día, a parella realizou varias viaxes en taxi, algún deles para acudir a un punto de venda de droga e, segundo recolle o escrito, subtraeron supostamente a carteira a un dos taxistas.

Ao redor das 20,40 horas, tras pedir os servizos doutro taxi, unha empregada do hotel informoulles de que este non acudiría "ao ser alertado dun previo furto efectuado pola parella a outro taxista esa mesma tarde". "Na crenza de que se avisou tamén pola responsable do establecemento á Garda Civil, (ambos os dous) fuxiron á carreira a través do carreiro que bordea o motel, paralelo á estrada e á beira esquerda do arroio Barbañica", recolle o escrito.

No transcurso desta huída, Nerea Añel "sufriu unha caída que lle produciu un grave traumatismo cranio vertebral, con lesións que lle ocasionaron un estado de inconsciencia de tempo non estimado e que finalmente determinaron a súa morte", considera o fiscal, que estima que "en caso de recibir pronta asistencia médica, podería sobrevivir".

O acusado, "que se achaba presente no momento da caída", non só non solicitou axuda no motel, "situado a uns 200 metros", se non que colleu o corpo da moza e depositouno preto da canle do río nun lugar pouco visible coa intención de ocultalo e non ser inculpado.

Posteriormente, sobre as 1,00 horas da mañá, regresou ao motel "só e en estado de nerviosismo", e esixiu entrar na habitación, algo que lle foi negado pola empregada. O corpo de Nerea Añel foi localizado no mes de setembro e a súa parella non foi detida ata xuño do ano seguinte.

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta