O Concello de Pontevedra sae en apoio dos veciños do rural afectados por parques eólicos

A iniciativa saíu adiante cos votos a favor do BNG e o Partido Socialista, mentres que o PP optou pola abstención.

Por E.P. | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 17/04/2023 | Actualizada ás 17:42

Comparte esta noticia

O pleno do Concello de Pontevedra celebrado este luns aprobou unha moción de apoio aos veciños das zonas rurais nas que se pretenden construír parques eólicos. A iniciativa saíu adiante cos votos a favor do BNG e o Partido Socialista, mentres que o PP votou abstención.

Segundo recolle a iniciativa, no municipio de Pontevedra son tres as "macroinstalacións industriais" proxectadas nos montes da Fracha, O Castrove e O Acibal que, segundo o concelleiro nacionalista Alberto Oubiña, "espolian e depredan o territorio", provocan un "grave impacto ambiental", poñen en risco espazos naturais e mananciais de auga e xeran molestias acústicas e visuais.

Pola súa parte, o portavoz socialista, Iván Puentes, engadiu na súa intervención que Galicia debe aproveitar as oportunidades que crea o actual escenario de transición enerxética, pero isto "non se pode facer de maneira irresponsable". Ademais, apuntou que os parques eólicos deben xerar riqueza na zona e instalarse "en consenso cos veciños".

Finalmente, o portavoz do Partido Popular, Rafa Domínguez, asegurou que comparten a preocupación veciñal pero xustificou a abstención do seu grupo en que os proxectos de parques eólicos que son aprobados pasan tramitacións ambientais "esixentes" e que se trata dunha "enerxía limpa e renovable", acusando a BNG e PSdeG-PSOE de querer "gañar votos" con esta iniciativa.

MOCIÓN DO PP

Nesta mesma sesión plenaria foi rexeitada unha moción presentada polo grupo municipal do Partido Popular na que demandaba a elaboración dun estudo independente que analizase as causas da perda poboacional de Pontevedra "e ofreza solucións, porque o futuro con este goberno é incerto", dixo Rafa Domínguez.

O portavoz do PP sinalou que o número de habitantes da cidade baixou nos dous últimos anos, afirmando que este descenso "imparable" estaría relacionado coa ausencia dun Plan Xeral de Ordenación Municipal (PXOM), coa falta de emprego, así como co atraso na concesión de licenzas, a existencia de impostos "moi elevados" ou cos problemas de transporte e aparcadoiro. O concelleiro César Mosquera, en nome do goberno municipal, acusou a iniciativa do PP de basearse en propostas "radicalmente falsas" e de divulgar teorías "que non se soportan en nada" cando existe un problema demográfico "en conxunto".

Muíños Eólicos
Muíños Eólicos | Fonte: Arquivo

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta