O Concello de Pontevedra pide que Xunta e Goberno retiren as instalacións que teñen na Xunqueira de Alba

Os terreos son de dominio público terrestre e as instalacións están situadas nuns terreos do Espazo Natural de Interese Local aprobado en 2012 e recollido como zona húmida pola Xunta de Galicia.

Por E.P. | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 18/04/2023 | Actualizada ás 18:10

Comparte esta noticia

O Concello de Pontevedra realizou unha petición formal a todas as administracións que teñen instalacións na Xunqueira de Alba, Xunta e o Estado, para que cesen a súa actividade e traballen a favor da recuperación da zona. Nunha comparecencia de prensa celebrada este martes, o alcalde, Miguel Anxo Fernández Lores, lembrou que existe "un compromiso claro coa recuperación dos espazos naturais", pero que é "imposible de facer se non se trasladan estas instalacións a outros lugares".

Concretamente, nestes terreos de dominio público marítimo terrestre da Xunqueira de Alba teñen instalacións a Xunta de Galicia, o Ministerio de Transición Ecolóxica, a Dirección Xeral de Patrimonio do Estado, a Xefatura Central de Tráfico e a Subdelegación do Goberno.

O goberno local quere desmantelar esas construcións que están situadas nuns terreos que forman parte do ENIL (Espazo Natural de Interese Local) que foi aprobado en outubro do 2012 sendo recolleito ese mesmo ano como un dos espazos naturais e zonas húmidas da Xunta de Galicia.

Lores destacou que "afortunadamente unhas instalacións que dependían da Deputación xa se están desmantelando para a súa recuperación e renaturalización", indicou en referencia ao Parque de Maquinaria e á Imprenta Provincial.

"Queremos recuperar toda a Xunqueira da Gándara, un total de 67 hectáreas", insistiu o alcalde lembrando que "o Concello de Pontevedra ten un compromiso claro coa súa recuperación" pero que "é imposible facelo se todas as dependencias ministeriais e autonómicas non cesan a súa actividade e non se trasladan a outro espazo para logo poder elaborar un proxecto de recuperación".

O alcalde comentou que ao longo dos últimos anos falou en "innumerables" ocasións cos responsables das distintas administracións afectadas para que "se fosen tomando decisións co fin de recuperar este espazo" pero agora quere "que quede constancia por escrito" polo que fará esta petición formal "pois cremos que é imprescindible".

Xunqueira de Alba
Xunqueira de Alba

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta