Por Europa Press / Redacción | Santiago de Compostela | 25/04/2023 | Actualizada ás 10:53
A Fundación Amancio Ortega alcanzou un acordo coa Federación Española de Bancos de Alimentos (FESBAL), Cáritas e Cruz Vermella para a posta en marcha de tres iniciativas dirixidas a mellorar a calidade de vida das familias atendidas por este tres entidades, que contarán cun orzamento de 40 millóns de euros.
No caso de Cáritas, recibirán 15 millóns de euros para pór en marcha a iniciativa 'Unha Vivenda, un Fogar', dirixida a paliar os problemas de exclusión social provocados polo acceso á vivenda das familias máis vulnerables. Este acordo terá unha vixencia de 24 meses e con él búscase axudar a preto de 15.000 persoas afectadas polas dificultades de acceso á vivenda.
Doutra banda, grazas ao acordo con Cruz Vermella, 26.000 persoas maiores de toda España contarán no seu fogar con dispositivos de voz que incorporarán aplicacións específicas para favorecer a súa autonomía e evitar situacións de soidade. Ademais, a rede de voluntariado de Cruz Vermella ten un papel clave de acompañamento e formación ás persoas maiores. O programa, de tres anos de duración, ten un orzamento próximo aos 15 millóns de euros, que asume integramente a Fundación Amancio Ortega.
Por último, o acordo con FESBAL suporá a renovación de equipos loxísticos de distribución e almacenamento e a adquisición de vehículos de transporte con motores híbridos, o que permitirá aumentar o número de beneficiarios da axuda alimentaria básica.
Se tes problemas ou suxestións escribe a webmaster@galiciaconfidencial.com indicando: sistema operativo, navegador (e versións).
Agradecemos a túa colaboración.