A oposición acusa á Xunta de non cumprir as recomendacións do Consello de Contas

Unanimidade da Cámara para aprobar o informe deste organismo relativo ao 2020.

Por Europa Press / Redacción | Santiago de Compostela | 25/04/2023 | Actualizada ás 12:24

Comparte esta noticia

O pleno da Cámara galega aprobou este martes co apoio de todos os grupos o ditame emitido pola Comisión para as Relacións co Consello de Contas sobre os informes incluídos na memoria de actividades de 2021 do ente fiscalizador, entre os que se inclúe a Conta xeral da Xunta relativa ao ano 2020.

Na súa quenda de palabra, a deputada popular Cristina Sanz destacou que esta Conta Xeral do 2020 demostra a "boa xestión" do Goberno galego a pesar das dificultades que caracterizaron ese exercicio, marcado pola emerxencia sanitaria. "Creo que á luz dos resultados, é un feito indiscutible que Galicia superou a situación mellor", destacou a parlamentaria popular.

Na votación, ademais, saíu adiante, neste caso co rexeitamento da oposición, unha proposta de resolución presentada polo PP que pedía que a Cámara instase á Xutna a "continuar dando cumprimento efectivo ás recomendacións realizadas por Constas nos seus informes de fiscalización. A oposición optou polo voto en contra ao asegurar que a Xunta non rende contas nin respecta as recomendacións deste órgano.

Con todo, si houbo acordo de todos os grupos para o resto de propostas, como outra formulada polo PPdeG para instar o Goberno galego a que nesta lexislatura se complete o proceso de regularización de todas as contratacións de prestación de servizos sanitarios a través do procedemento contratual adecuado ou a do Bloque, de instar á Xunta a establecer sistemas de control sobre as sociedades e fundacións públicas nas que a Administración autonómica non ostenta o control nin é o socio maioritario.

Ademais, aprobáronse tres propostas do PSdeG e unha transacción. A primeira delas empraza ao Executivo autonómico a integrar para todos os efectos as fundacións de investigación con conexións aos centros sanitarios públicos no sector público autonómico, sometendo, por tanto, as súas contas á rendición do Consello de Contas de Galicia.

Votación de Pleno do Parlamento sobre Consello de Contas
Votación de Pleno do Parlamento sobre Consello de Contas

Así mesmo, acordouse instar o Goberno galego a reducir o grao de temporalidade no emprego público, especialmente no ámbito sanitario e, tras unha transacción, emprazouse á Xunta a pór de marcha de forma inmediata o rexistro de entidades do sector público previsto no artigo 52 da Lei de organización e funcionamento da Administración xeral e do sector público autonómico de Galicia.

CRÍTICAS DA OPOSICIÓN

Na súa quenda de palabra, a parlamentaria socialista Begoña Rodríguez Rumbo criticou que as recomendacións, no caso do Informe da Conta Xeral de 2020 sexan "na súa maioría idénticas ás feitas en exercicios anteriores sen que por parte do Goberno galego tomáronse as medidas necesarias para aplicalas".

Pola súa banda, o parlamentario nacionalista Iago Tabarés asegurou que o escaso número de propostas aceptadas polos populares reflicten a "soberbia" dunha Xunta que é consciente de que "está nunha etapa xa esgotada", que "nin tan sequera a manipulación dos medios públicos pode esconder".

"Desde o BNG nesta etapa final do Goberno do PP xa non lle pedimos que xestionen ben nin que planifiquen, simplemente pedímoslle que cumpran a lei, cousa que nin tan sequera fan", sostivo.

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta