O BNG abstense na Lei de Vivenda ao considerala unha "invasión" de competencias

O portavoz do Bloque no Congreso criticou que tanto PSOE como PP intentan que a transferencia da AP-9 non se produza na actual lexislatura.

Por E.P. | MADRID | 25/04/2023 | Actualizada ás 12:05

Comparte esta noticia

O portavoz do BNG no Congreso, Néstor Rego, adiantou que a súa formación absterase na votación da Lei de Vivenda do próximo xoves, xa que aínda que considera que houbo "algúns avances", a norma pactada polo Goberno con ERC e Bildu tamén supón unha "invasión competencial".

Rego sinalouno durante unha rolda de prensa no Congreso, onde se expresaron de forma similar outras formacións como o PNV ou o PDeCAT. De feito, o deputado nacionalista sinalou que o feito de que sexa competencia das comunidades autónomas foi o motivo polo que non houbo ata o momento unha lei estatal que regulase a vivenda.

En canto aos recentes anuncios do presidente do Goberno, Pedro Sánchez, para mobilizar ata 93.000 pisos da Sareb e para aluguer alcanzable, o deputado do BNG sinalou que se trata de anuncios "claramente propagandísticos e electoralistas". En liña con isto, lembrou a reclamación do BNG de que se desenvolva a transferencia dos pisos da Sareb a Galicia, onde hai 1.200 vivendas "listas para habitar", segundo os datos citados por Rego.

O deputado do BNG no Congreso, Néstor Rego. BNG
O deputado do BNG no Congreso, Néstor Rego. BNG

TRANSFERENCIA DA AP-9

Noutra orde, o portavoz do BNG no Congreso denunciou este martes "manobras dilatorias" por parte de PSOE e PP para que a lei aprobada por unanimidade no Parlamento de Galicia para transferir a Galicia a autoestrada AP-9 finalmente non vexa a luz esta lexislatura na Cámara Baixa.  Por unha banda, acusou ao PSOE de emendar a lei para descafeinala de maneira que non se transfira esta autoestrada a Galicia, senón só a súa xestión, e tachou de "sen sentido" as rexistradas polo PP.

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta