Informe: así foi o "drástico" impacto da Covid na economía galega que aínda non se recuperou

Un informe do CES analiza os impactos da covid-19 na economía galega e apunta que só hai dous sectores que está moito mellor que antes, o da industria química e o da electricidade.

Por Galicia Confidencial | Compostela | 28/04/2023 | Actualizada ás 13:19

Comparte esta noticia

As consecuencias da pandemia de covid-19 nos distintos aspectos da economía galega, desde os grandes números de actividade ao mercado de traballo, do aumento da desigualdade ás medidas paliativas postas en marcha para reducir os maiores impactos negativos, protogonizan o último informe do Consello Económico e Social.

Contenedores de Exportación. EUROPA PRESS - Archivo
Contenedores de Exportación. EUROPA PRESS - Archivo

 

estudo “Informe sobre os impactos da covid-19 na economía galega”, elaborado en colaboración coa Universidada de Santiago de Compostela analiza o impacto que a pandemia tivo nos sectores básicos da economía e conclúe que o freo na actividade industrial "foi moi drástico", até o extremo que no segundo trimestre de 2020 a xeración de negocio no sector manufactureiro foi máis dunha cuarta parte inferior á do mesmo período de 2019.

 

Pero a mellora non se notou tras a fin do confinamento porque a economía galega só creceu un 3,9% e o sector manufactureiro un 6,3%, en 2021. "A volta á normalidade non se produce na industria galega xa que os resultados reflicten a un sector moi estancado", recolle o informe e a actividade no primeiro trimestre de 2022 empeora, sobre todo polo comportamento do sector enerxético. 

Hermanager Humor - Covid economía
Hermanager Humor - Covid economía

 

Os resultados do segundo trimestre dese ano son máis positivos (a industria manufactureira creceu un 4,2%), pero o dato avanzado do terceiro trimestre reflicte unha caída dun 0,9% indica que os problemas persisten. De feito, o índice de produción industrial xeral mostra o retroceso de 9 puntos en 2020 con respecto ao ano anterior. 

 

ELECTRICIDADE E QUÍMICA, MELLOR

 

A finais de 2020 contabilizábanse en Galicia un 2,2% menos de empresas que en 2019, porcentaxe superior ao do conxunto da economía e ao da industria española, ambos o

-1,6%. A perda neta de empresas afecta a todos os sectores industriais, con dúas únicas excepcións: a industria química e as sociedades que fornecen electricidade. E, mesmo sectores teoricamente favorecidos coa pandemia tamén perderon sociedades. Un caso especial é o do principal sector por facturación, as industrias alimentarias, que ao longo de 2020 viron como o número de empresas descendía un 1,8%.

 

"Os factores que inciden na espectacular escalada dos prezos industriais a partir de 2021 son moitos e moi diversos", sinala o informe. Así, en 2019 obsérvase unha caída xeneralizada dos prezos en todos os sectores, situación que se estabilizou en 2020. A partir de aí e coa progresiva saída da pandemia os prezos industriais aceleráronse até extremos non vistos nas últimas décadas. En 2021 o prezo dos bens enerxéticos creceu un 121,7% con respecto ao ano anterior, mentres os restantes sectores mantiveron crecementos máis moderados salvo no grupo de bens intermedios que presentou un incremento do 16,7%. A situación de aceleración dos prezos agrávase en 2022.

 

Por outra banda, a facturación da industria galega concéntrase en só cinco divisións, das que destacan a alimentación e a fabricación de vehículos de motor. Entre as dúas absorberon en 2020 o 42,9% da cifra de negocios da industria o que é, practicamente, a metade da facturación do sector manufactureiro. En 2020 obsérvase que tanto alimentación como vehículos automóbiles tiveron unha evolución positiva, o que contrasta coa caída na facturación na maior parte das restantes actividades.

 

O SECTOR ENERXÉTICO

 

Mención aparte merece o sector enerxético. Segundo o balance enerxético, en 2020 a xeración de electricidade en Galicia tan só diminuíu nun 1,1%, debido a baixada do 30,3% da produción das centrais con combustibles convencionais que compensou o incremento en renovábeis nun 14,2%. O consumo final caeu un 11,2%, porcentaxe que cabería agardar ante as restricións do momento as actividades produtivas, coa peculiaridade de que o uso de enerxías renovábeis incrementouse un 3,4%.

 

"O papel das enerxías renovábeis esta a ser moi importante en Galicia ao contribuír cun 75,7% á xeración eléctrica e experimentar un crecemento nese ano do 14,2%", recolle o informe que indica que o avance na transición enerxética tras a pandemia parece ineludible. "A dinámica galega na actualidade reflicte unha potencialidade na produción de enerxías verdes vital para a sociedade e para a industria da Comunidade nas vindeiras décadas", engade.

 

ALIMENTACIÓN

 

A produción en 2020 practicamente mantívose en niveis similares aos de 2019. Rexistrouse unha caída no IPI dun 0,9% e, a pesar dos problemas que foron xurdindo en 2021 e das restricións que se seguiron mantendo por mor da pandemia no segmento Horeca, nese ano rexistrouse un incremento do IPI dun 6,6%, porcentaxe inferior ao crecemento apreciado no conxunto da industria manufactureira galega. A información xa dispoñible do primeiro semestre de 2022 só mostra unha lixeira desaceleración na actividade.

 

En 2020 os prezos da industria da alimentación mantivéronse estables. Na escalada xeneralizada dos prezos iniciada en 2021, este sector non quedou á marxe. Xa a finais de 2021, aumentaron un 6,7% e alcanzaron a taxa do 15,4% nos oito primeiros meses de 2022.

O sector transformador de produtos do mar, no que predominan empresas de mediano e gran tamaño, lograron na pandemia un balance positivo. "É significativo o incremento observado na fabricación de conservas de peixe", apunta o informe.

 

As cárnicas e os produtos gourmets experimentaron un retroceso na súa actividade ante o efecto Horeca."O sector lácteo, en especial a produción de queixos atopouse con dificultades, que se incrementaron unha vez que se foron superando os peores momentos da pandemia, debido ao pequeno tamaño da maioría das empresas e os problemas derivados das subministracións das materias primas", engade.

 

Unha parte do sector produtor de viño sufriu bastante, xa que existen moitas adegas de pequeno e mediano tamaño que non comercializan os seus produtos nos super e hipermercados. !Aínda que nun primeiro momento pasárono moi mal, tamén hai que indicar que a súa recuperación foi moi rápida. Actualmente, moitas adegas non teñen produto para cubrir a demanda existente", sinal.

 

O emprego coa Covid-19 apenas se resentiu no sector e practicamente non houbo Ertes.

Ante a situación actual e a guerra de Ucraína, a subida dos prezos das materias primas causou serios problemas loxísticos que tensionaron moito a cadea de valor desde a produción primaria á transformación. Dous sectores que nestes momentos están a pasar un momento complicado son o cárnico e o lácteo.

 

AUTOMOCIÓN

 

A tendencia ascendente de 2020 mantívose en 2021, ano no que a facturación alcanzou os 11.200 millóns de euros grazas a outra subida de tamén o 7,3%. Sen embargo, a traxectoria de 2021 e no primeiro semestre de 2022 reflectida no IPI mostra unha desaceleración nun período nos que xorden varios problemas que afectan a demanda e a loxística que fan que o sector non teña o pulo de momentos anteriores.

 

Os resultados de Stellantis en Vigo poderían ser mellores xa que segundo a propia empresa en 2021 deixaron de fabricar sobre 100.000 vehículos pola carencia nas subministracións de microchips. Con cifras récords de produción, a pesar das carencias, os automóbiles amontóanse nos almacéns de Vigo e a súa área metropolitana pola saturación dos portos de destino, a caída do tráfico marítimo internacional e os problemas na loxística

 

No contexto actual a planta de automoción de Stellantis en Vigo non parece correr ningún risco de viabilidade. É unha das máis punteiras da compañía e hai programadas investimentos millonarios para adaptar á nova situación. O ideal sería que se aprobase un segundo Perte do vehículo eléctrico para que coa axuda de fondos europeos póidanse realizar os investimentos necesarios.

 

SECTOR NAVAL

 

O infrome do CES é contundente con este sector e destaca que sufriu dous golpes graves. O primeiro foi o peche de Vulcano e a pesar da súa adquisición por Astillero San Enrique está aínda na práctica pechado, O segundo golpe foi o de Barreiras. Trátase do estaleiro de maior dimensión da ría de Vigo e, recentemente, adquirido polo maior grupo naval de España, Armón. "Só se salvan os estaleiros do norte de Galicia, onde a situación actual de Navantia, tanto na súa factoría de Ferrol como na de Fene, é a mellor dos últimos tempos", apunta.

 

SERVIZOS

 

A actividade terciaria non foi onde máis caeu o VEB no peor ano da crise sanitaria, 2020." Sen embargo, un descenso dun 7,5% en termos constantes é un impacto serio para a

economía galega, a cal, aínda que se recuperou en 2021, non o fixo co suficiente empuxe como para alcanzar a actividade de 2019", indica.

 

En canto os sectores máis prexudicados pola pandemia, a hostalaría viuse máis afectada no conxunto de España que en Galicia, no comercio apreciouse unha caída na actividade máis intensa en Galicia. Noutra banda destaca o bo comportamento da actividade de información e comunicacións, moito máis dinámica en Galicia que no resto de España. En 2020 perdéronse en termos netos nos servizos galegos sobre 2.300 sociedades de tamaño moi diverso, o que obviamente freou o progresivo incremento dos últimos anos nos que non se alcanzaron os valores de antes da crise financeira de 2008.

 

O TURISMO

 

Os resultados obtidos mostran como o turismo foi unha das actividades máis afectadas pola crise da Covid. A pesar da positiva evolución en 2022 da actividade, o emprego non se recuperou. Nas gráficas tamén suxiren que tras os peores momentos de pandemia e coa recuperación, a situación estrutural do sector mantívose practicamente inalterada. "A estacionalidade, co retorno á normalidade, volve ser moi alta e o tempo de estancia media segue sendo baixo. Ademais, desde o sector indican que o gasto do turista é menor ao que se realizaba antes da pandemia, nun contexto dun sensible incremento dos custos", sinala o estudo.

 

A investigación, levada a cabo polo equipo dos profesores Juan José Ares Fernández e Alberto Meixide Vecino, é un pormenorizado repaso pola situación creada trala pandemia que se fixa moi especialmente no impacto no mercado de traballo (poboación activa, emprego, ERTES, salarios e custos laborais…) e describe tamén as consecuencias sobre os distintos sectores de actividade.

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta