Así queda o mapa das municipais o 28M: o PPdeG será lista única en 8 concellos

Os veciños de 30 concellos galegos só poderán elixir entre PP e PSOE e o Partido Popular e o Bloque serán as únicas listas en Curtis, Moeche e Vilasantar.

Por Europa Press / Redacción | Santiago de Compostela | 02/05/2023 | Actualizada ás 14:10

Comparte esta noticia

O Partido Popular e o Partido Socialista enfrontaranse nunha trintena de concellos galegos, nos que foron as únicas formacións en presentar candidatura para as eleccións municipais do próximo 28 de maio. Ademais, segundo se desprende da proclamación de candidaturas publicadas este martes, día 2 de maio, nos boletíns oficiais das provincias, en Curtis, Moeche e Vilasatar, só se enfrontarán os populares e o Bloque Nacionalista Galego.

Por provincias, na que máis concellos contarán só con dúas listas é a de Ourense. En concreto, os populares e os socialistas enfrontaranse na Arnoia, Bande, Calvos de Randín, Entrimo, Lobeira, Muiños, Padrenda, Petín, Rubiá, A Veiga, Boborás, Cortegada, Pontedeva, Quintela de Leirado, Xunqueira de Espadanedo, Larouco, Manzaneda, San Xoán de Río e Riós.

Na provincia de Lugo, serán nove os municipios nos que os veciños só poderán elixir o Partido Popular e o Partido Socialista. Trátase de Antas de Ulla, Ribeira de Piquín, As Nogais, Paradela, Triacastela, Abadín, Ourol, Trabada e Xermade.

Na Coruña, haberá cinco municipios nos que só haberá dúas listas. En tres deles, Curtis, Moeche e Vilasantar os populares galegos competirán co BNG. Ademais, en Sobrado e Cerdido enfrontarase o PP e o PSdeG. Pola súa banda, en todos os concellos da provincia de Pontevedra haberá máis de dúas listas para as próximas eleccións municipais do 28 de maio.

LISTAS DOS PRINCIPAIS PARTIDOS

Para a próxima cita coas urnas, tanto PSdeG como BNG presentan candidaturas en máis concellos galegos que nos comicios de 2019, pero o Partido Popular mantense como a única formación que consegue pechar listas nos 313 municipios.

En concreto, os socialistas galegos están en 305 dos 313 concellos e o BNG en 265 localidades. Ademais, Vox multiplica por tres as súas candidaturas de 2019, ata as 39 e Cs non alcanza xa a decena total de listas e deixa Santiago e Ferrol sen aspirante 'laranxa' á Alcaldía.

O que tamén concorre en menos municipios que en 2019 é o partido que lidera o alcalde de Ourense, Gonzalo Pérez Jácome, quen baixa en catro e pechou listas electorais en Ourense, Barbadás, O Pereiro, San Cibrao, Toén, Cartelle e A Merca, todos pertencentes ao partido xudicial da capital de provincia, clave para a Deputación.

Pola súa banda, o partido fundado polo que foi secretario xeral do PSdeG Manuel 'Pachi' Vázquez, pechou candidaturas nunha vintena de concellos das provincias da Coruña, Ourense e Pontevedra e participará nas candidaturas que Unidade Local presentará en Arteixo, Culleredo e Cambre.

En canto á esquerda rupturista, Podemos participará en Galicia en máis dunha trintena de candidaturas baixo distintas fórmulas: en solitario ou xa sexa en formato de coalición máis ou menos ampla e integrándose en espazos que desembocaron nas súas propias marcas (as 'mareas').

Urna electoral
Urna electoral | Fonte: APDHA - Arquivo

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta