Rueda xustifica que SOGAMA gaste case 900.000€ nun informe porque quizais sexa "complexo"

"Non sei se serán parecidos aos que veñen ao Consello da Xunta. Eu descoñezo de que se trata realmente", dixo.

Por Galicia Confidencial | Compostela | 04/05/2023 | Actualizada ás 21:25

Comparte esta noticia

Un "informe complexo". Así cualificou este xoves o presidente da Xunta, Alfonso Rueda, o concurso aberto pola empresa pública SOGAMA para realizar un informe sobre a "folla de ruta 2024-230" desta entidade e asesorar na implantación do mesmo e que ten un custo de case 900.000 euros.

 

Preguntado por Galicia Confidencial polo custe tan elevado dun informe encargado a unha empresa externa, cando é normal que no Consello da Xunta se presenten informes semellantes a varios anos feitos por funcionarios, Rueda dixo que "non coñece" o contido dese concurso, nin as esixencias de SOGAMA. Con todo, explicou que o seu elevado custe se deba a que "será algo máis complexo e por iso terá este prezo".

 

"Non sei se serán parecidos aos que veñen ao Consello da Xunta. Eu descoñezo de que se trata realmente", dixo. Os 900.000 euros servirán, segundo este ente público, para poñer en marcha "un exercicio de revisión, de planificación e de actualización estratéxica" e "anticiparse, estar á vangarda e coliderar o cambio en Galicia cara a un verdadeiro modelo de economía circular". 

 

"Trátase de contar con soporte experto para a conceptualización dunha visión estratéxica que á súa vez se materialice nunha folla de ruta técnica e económica (evolución de infraestruturas, plan de investimentos) que conteña iniciativas concretas", apunta o prego deste concurso público ao que tivo acceso Galicia Confidencial.

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta