O PSdeG denuncia que Galicia adxudica "a dedo" o 50% dos cartos destinados a contratos, á cabeza do Estado

A Deputación de Ourense concede a dedo máis do 80% dos contratos e da subvencións, e o 70% recae sempre nas mesmas 5 empresas, segundo o Consello de Contas.

Por Galicia Confidencial | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 04/05/2023 | Actualizada ás 18:06

Comparte esta noticia

O portavoz de Calidade Democrática do Grupo Socialista, Pablo Arangüena, denunciou hoxe que Galicia é a Comunidade Autónoma que máis volume de contratación adxudica “a dedo” de todo o Estado, segundo os últimos datos do Rexistro de Contratos do Sector Público. Arangüena presentou unha proposición non de Lei para que a Xunta lle pida á Airef que avalíe o sistema de contratación, que non foi aprobada porque o PP votou en contra.

O deputado autonómico do PSdeG Pablo Arangüena en rolda de prensa. PSDEG
O deputado autonómico do PSdeG Pablo Arangüena en rolda de prensa. PSDEG

O responsable socialista explicou que o 46% da contratación da Xunta faise por contrato menor ou procedemento negociado sen concorrencia competitiva e polo tanto “excluíndo á competencia”. Sinalou que esta práctica supón unha “porta aberta á corrupción pola vía de establecer incentivos para a mesma”, ademais de que o goberno galego está “incumprindo a Lei” ao fallar á esixencia de que a contratación menor sexa residual.

Arangüena advertiu que, segundo os datos correspondentes ao ano 2022 que veñen de coñecerse, a Xunta está “á cabeza de España en importe dos contratos adxudicados a dedo”, mentres que é “a penúltima que menos adxudica por procedemento aberto ou aberto simplificado”. Estas prácticas, dixo, “dificultan o control, impiden a transparencia e aumentan as facilidades para a corrupción”, ademais de que limitan o acceso das Pemes ao mercado da contratación pública.

Contrastou esta práctica coa de outras comunidades autónomas como Madrid, que adxudica polo procedemento aberto case o dobre que Galicia, e outras como Andalucía ou Murcia atópanse moi por enriba desta autonomía. Situou esta práctica da Xunta na liña da única Deputación gobernada polo PP, a de Ourense, que concede a dedo máis do 80% dos contratos e da subvencións, e o 70% recae sempre nas mesmas 5 empresas, segundo o Consello de Contas.

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta