As vías romanas que articulaban o territorio da vella Gallaecia, tan ben descritos no libro “La Via romana XVIII (Via Nova), Revisión de su trazado y mensuración”, de Segundo Alvarado Blanco, Juan Carlos Rivas Fernández e Tomás Vega Pato; e os camiños reais e medievais que teceron unha rede de comunicación con distintos usos, que tiñan ás xentes como protagonistas do seu percorrer: xentes de variadas condicións. Vieiros que empataban no espazo os ámbitos de exercicio de vivencias de rurais e cidadáns; convertendo en protagonista o propio camiño que, pasado e repasado, serve de vaso de comunicación entre uns e outros, puntualizando o valor do distinto uso de ditos camiños, segundo a catalogación que fai deles a profesora Elisa Ferreira Priegue na súa monografía “Los caminos medievales de Galicia”.
As Irmandades da Fala, que reivindicaron a expropiación de monumentos e declararon a soberanía estética de Galicia, foron nos comezos do século vinte os artífices de poñer en valor a paisaxe e os distintos usos que habería que darlle ao patrimonio material en harmonia co inmaterial. Correa Calderón foi un dos máis senlleiros representantes daquel movemento cultural innovador. No seu libro “Índice de Utopías Gallegas”, auténtico vademecum para rehabilitar o patrimonio paisaxístico de Galicia, expón unha serie de medidas que para a época foron novidosas, tanto que ata o mesmo Fraga Iribarne, que fora alumno seu no Instituto de Bacharalato de Lugo, cando chegou a ser Ministro de Información e Turismo, copioulle a idea de converter os castelos en Paradores Nacionais, confesión que me fixo nunha audiencia que me concedera.
Servidor, que desempeñou as áreas de cultura e lingua no Concello de Redondela desde 1979 ata 2017, levado polos coñecementos dos feitos históricos expostos, foi un decidido partidario das mancomunidades culturais para un mellor aproveitamentos dos recursos do acervo cultural do País. A miña primeira achega a ese maneira de enfocar a reconstrución da identidade tivo no Premio de Novela Blanco-Amor o punto de arranque, que había ter continuación noutras relevantes iniciativas de notoria proxección pública.
A recente reposición do miliario do “Vieiro da Franqueira” nunha praza pública remodelada do Concello de Redondela, tráeme á memoria o meu intento de darlle valor aos camiños de peregrinaxe que tiñan como epicentro o santuario da Franqueira. Para tal fin convocamos ás alcaldías dos concellos para propoñerlles un plan vertebrador contando coa axuda da Dirección Xeral de Medio Ambiente da Xunta de Galicia, da que fora titular Xosé Benito Reza. Unha coidada sinalética, realizada polo deseñador Pío García, e uns elementos singulares imitando os miliarios romanos, acompañados dunha publicación e un documental alusivos do mesmo creativo, serviron para artellar esa rede de peregrinaxe que ainda hoxe percorren milleiros de persoas camiño das dúas grandes romaxes, a das Pascuillas en maio, e a do mes de setembro. Alén da relixiosidade do camiño está a riqueza paisaxística para desfrute da natureza.
Con anterioridade, na década dos anos vinte o empresario galeguista, Enrique Peinador Lines, propietario do complexo hoteleiro e das augas de Mondariz-Balneario, filántropo e mecenas da cultura galega e dos seus ilustrados, adoitaba levar os “bañistas” en peregrinaxe ata o santuario da Franqueira para que presenciasen dous valores etnográficos propios: a danza branca dos arcos e a desputa dialéctica do mouro e cristián. O texto do diálogo que manteñen os dous personaxes foi escrito por Ramón Cabanillas para o Seminario de Estudos Galegos en 1927, do que este ano se cumpre o centenario da súa fundación, e publicado ese mesmo ano pola revista Nós. Por aquel entón Cabanillas traballaba para o Balneario de Mondariz como “relacións públicas” e director das revistas “La Temporada” e “Mondariz”.
A Asociación de Funcionarios/as para Normalización Lingüística promove, xunto coas colaboracións da Deputación de Pontevedra, concello de A Cañiza, Xunta de Galicia e o párroco da Franqueira, un acto público conmemorativo no adro da igrexa o próximo día 7 de maio ás 19:00 horas. Descrubrirase un monolíto elaborado pola Escola de Canteiros de Pontevedra coa seguinte lenda: “Na memoria do poeta D. Ramón Cabanillas, autor do “Romance da loita entre o mouro e o cristián” a instancias do seu mecenas D. Enrique Peinador Lines, que se escenifica neste lugar na celebración da Festa da Franqueira. Centenario da Fundación do Seminario de Estudos Galegos.”