Dúas personas falecidas en accidentes de tráfico nas estradas galegas nesta fin de semana

O total de sinistros foron 49 dos que resultaron 66 persoas feridas.

Por Europa Press / Redacción | Santiago de Compostela | 08/05/2023 | Actualizada ás 12:59

Comparte esta noticia

Os profesionais de Urxencias Sanitarias atenderon a 66 persoas feridas nos 49 accidentes de circulación rexistrados nas estradas galegas durante o fin de semana. Segundo os datos facilitados este luns polo 061, o sábado foi o día con maior número de sinistros, cun total de 20. Por provincias, A Coruña e Pontevedra foron as que máis accidentes rexistraron, con 23 e 14 respectivamente; mentres que en Ourense e en Lugo houbo seis en cada unha.

Das 66 persoas feridas, o 61% eran homes e o 39%, mulleres. Ademais, un 28% dos atendidos tiñan entre 40 e 54 anos. En 53 casos os feridos foron trasladados aos centros sanitarios correspondentes e en 11 ocasións atendéronse no propio lugar do incidente. Dúas persoas faleceron no punto.

Así mesmo, os recursos sanitarios mobilizados polos médicos que atenderon ás chamadas na Central de Coordinación do 061 foron 65. Así, as ambulancias asistenciais de soporte vital avanzado acudiron a oito accidentes, o helicóptero medicalizado atendeu nunha ocasión, as ambulancias asistenciais de soporte vital básico asistiron en 49 sinistros e os equipos sanitarios de Atención Primaria prestaron asistencia sanitaria en sete accidentes.

Helicóptero medicalizado do 061 con base en Santiago
Helicóptero medicalizado do 061 con base en Santiago | Fonte: Europa Press

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta