Por Europa Press / Redacción | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 08/05/2023 | Actualizada ás 18:18
As asociacións do Camiño de Santiago, reunidas en asemblea do Camiño Francés Federación en Saint Jean Pied de Port este fin de semana, acordaron abrir un período de especial actuación contra "os atentados" que aseguran sofre a ruta xacobea e contra "quen os permite".
Así, avanzaron que tramitarán de forma oficial as denuncias e, de non ser reparado o dano, serán "belixerantes publicamente" para que os feitos non queden impunes. En primeiro lugar, sinalaron, comezarán cos delitos que "realizan ou permiten as propias institucións".
Outra das decisións tomadas nesta asemblea foi a de prohibir as maletas nos albergues que xestionan as súas asociacións, once en total. "Somos albergues de acollida tradicional xacobea que traballamos por e para a peregrinaxe a Santiago. O peregrino viaxa coas súas pertenzas nunha mochila, o turista coa súa maleta, a cal non ten ningunha lóxica nun camiño natural que se realiza camiñando, en bicicleta ou en cabalo", remarcaron.
Así, relataron que preparan un regulamento no que se inclúa esta circunstancia e a de lembrar de novo a necesidade de "levar un saco de durmir propio para realizar a peregrinaxe de forma tradicional". Ademais, ante a gran afluencia de peregrinos xa nestas datas, as asociacións aconsellaron aos municipios do Camiño que teñan previsto a apertura de instalacións municipais como os polideportivos ou outros espazos similares.
Se tes problemas ou suxestións escribe a webmaster@galiciaconfidencial.com indicando: sistema operativo, navegador (e versións).
Agradecemos a túa colaboración.