A Fiscalía de Ourense abre investigación contra Jácome polos audios difundidos

Incoouse aos xulgados de instrución que notifiquen se teñen algunha denuncia por estes mesmos feitos, xa que, de ser así, serían os xulgados os que terían a potestade de actuar.

Por Europa Press / Redacción | OURENSE | 10/05/2023 | Actualizada ás 13:57

Comparte esta noticia

A Fiscalía de Ourense abriu dilixencias de investigación penal polos audios difundidos por 'La Región' e 'La Voz de Galicia', vinculados co alcalde ourensán, Gonzalo Pérez Jácome, e que o ligarían con supostas prácticas irregulares. A denuncia foi presentada polo PSOE ante o Ministerio Público, que recibiu o escrito a última hora deste martes.

Fontes da Fiscalía confirmaron a apertura das dilixencias penais. Á súa vez, incoouse aos xulgados de instrución que notifiquen se teñen algunha denuncia por estes mesmos feitos, xa que, de ser así, serían os xulgados os que terían a potestade de actuar.

Este martes, o PSOE de Ourense acudiu á Fiscalía co fin de instar a que "se practiquen dilixencias" para determinar o alcance das supostas irregularidades. O candidato do PSOE á Alcaldía, Paco Rodríguez, foi o encargado de ratificar a denuncia pondo o acento en que "se empezan a ver empresas", polo que considera que os feitos adquiren "outra dimensión". "Creo que estamos ante unha trama de consecuencias que eu son incapaz de abordar ata onde poden chegar", afirmou este martes.

ESCRITO SOCIALISTA

No seu escrito, ao que tivo acceso Europa Press, os socialistas relatan o contido dos audios difundidos por 'La Región' desde o pasado fin de semana nos que "aparentemente se distingue a voz do alcalde da cidade de Ourense, Gonzalo Pérez Jácome, e do seu xefe de gabinete, Francisco Lorenzo, ademais doutras persoas non identificadas polo momento, nos que se observan actuacións e procederes presuntamente delituosos á vez que inmorais".

Así, relata que o audio publicado o pasado día 7 e a súa transcrición reflicte como unha voz que se atribúe a Jácome "comina a dous empregados públicos municipais a que asuman unha multa de tráfico que foi imposta ao parecer ao propio alcalde" na cidade de Vigo "cando conducía, en fin de semana e sen que conste desprazamento institucional algún na súa axenda, un vehículo municipal".

No audio do 8 deste mes, os socialistas inciden en que se recoñecen as voces do alcalde e do seu xefe de gabinete, e na transcrición, apréciase unha conversación entre ambos "na que planifican o cobro a certa empresa de cantidades en diñeiro B para o financiamento do partido ao que ambos pertencen e polo que concorren" o próximo 28 de maio (Democracia Ourensana).

Finalmente, no audio publicado este martes, 9 de maio, os socialistas sinalan que se pode ouvir a voz de Jácome e doutro interlocutor mantendo unha conversación en torno o modo de actuar "como conseguidor" dunha persoa de confianza do alcalde (que o diario identifica o seu xefe de gabinete), e planifícase " a forma de obter diñeiro" de concesionarias de servizos e obras municipais.

"MANIPULACIÓN"

O alcalde de Ourense, Gonzalo Pérez Jácome, durante unha rolda de prensa, no Concello, a 10 de maio de 2023, en Ourense, Galicia (España). O alcalde presentou unha denuncia nos Xulgados de Ourense por un ?suposto delito de espionaxe con microfon. Agostime - Europa Press
O alcalde de Ourense, Gonzalo Pérez Jácome, durante unha rolda de prensa, no Concello, a 10 de maio de 2023, en Ourense, Galicia (España). O alcalde presentou unha denuncia nos Xulgados de Ourense por un ?suposto delito de espionaxe con microfon. Agostime - Europa Press | Fonte: Europa Press

Pola súa parte, o alcalde de Ourense, Gonzalo Pérez Jácome (Democracia Ourensá-DO), ofreceu este mércores unha rolda de prensa por mor da difusión de audios nos medios La Región e La Voz de Galicia que o ligarían con prácticas supostamente irregulares. O rexedor ourensán intentou desacreditar a "validez" das conversacións que transcenderon en ambos os medios.

Nunha rolda de prensa con varias preguntas e que se prolongou hora e media en total, Jácome advertiu de que a difusión destes audios supuxo de facto "a anulación" do proceso electoral en Ourense para convertelo nun "plebiscito". "Ou a mafia ou Democracia Ourensá", advertiu Jácome, quen deduciu que a difusión dos audios estaría "orquestrado" por partidos, "principalmente o PP", aínda que apuntou tamén ao PSOE.

En varias ocasións da súa intervención, na que chegou a facer unha 'demostración' dunha "manipulación" de audio en directo cunha frase pronunciada polo mesmo na rolda de prensa ad hoc, reafirmouse en que os audios que transcenderon non son "algo orixinal e non teñen ningunha validez, nin os que saísen nin os que saian".

DENUNCIA BNG

Pola súa banda, o BNG interpuxo este mércores unha denuncia ante a Fiscalía Xeral do Estado (FGE) contra o alcalde de Ourense pola presunta comisión de delitos de suborno, financiamento ilegal e branqueo de capitais por mor dos audios difundidos.

O candidato da formación nacionalista á Alcaldía de Ourense, Luís Seara, e o deputado da formación no Congreso, Néstor Rego, instaron ao Ministerio Público a que acorde a práctica de dilixencias para investigar as conversacións que o alcalde mantén con persoas da súa confianza e nas que fala de financiar a campaña con diñeiro B e de como "blanquealo".

En declaracións aos medios, recollidas por Europa Press, Seara asegurou que a Xustiza debe actuar "para que se evite o quebranto ao erario público" do Concello de Ourense e para que non se "siga erosionando a democracia". "O Concello non pode seguir sendo a cova de Alí Babá", denunciou.

Nesta liña, o candidato do BNG lamentou que Ourense estea de "desgraciada actualidade" polo que cualificou dunha "situación de emerxencia social e política" provocada por un "alcalde tirano e faltón que polo que se escoita nos audios pide mordidas a empresas e a funcionarios que cometan delitos".

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta
Comentarios 1 comentario

1 Ferroviario

Simplemente, ese individuo ten que estar fora xa. Es presuntamente corrupto a tope, ten evidentes problemas psicolóxicos, fala coma un neno pequeno e non vale para o posto. ¿ Non hai en todo Ourense alguén normal?