O caso Baltar "non ten máis percorrido" para a Xunta e sinala a súa "máxima colaboración" coa Xustiza

O vicepresidente segundo e conselleiro de Presidencia, Diego Calvo, reiterou que as cuestións "xa foron respondidas" polo propio implicado, que pediu desculpas nunha carta e respondeu nun pleno provincial.

Por Europa Press / Redacción | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 10/05/2023 | Actualizada ás 15:16

Comparte esta noticia

O vicepresidente segundo e conselleiro de Presidencia, Diego Calvo, considera que o caso derivado da multa por exceso de velocidade ao presidente da Deputación de Ourense "non ten máis percorrido", despois de que o propio implicado dese "explicacións" e pedise desculpas, á vez que destacou a "máxima colaboración" de Manuel Baltar coa Xustiza.

Calvo respondeu no Pleno do Parlamento a dúas preguntas formuladas por BNG e PSdeG en relación ao delito contra a seguridade viaria do que se acusa a Baltar, e ante o que reiterou que as cuestións "xa foron respondidas" polo propio implicado, que pediu desculpas nunha carta e respondeu nun pleno provincial.

"É un problema para Ourense e para Galicia, para a limpeza das institucións", dixo a deputada nacionalista Noa Presas, que, máis aló do propio delito, afeou que Baltar "utilizase por interese particular" un vehículo "pago por todos", xa que "a día de hoxe aínda esconde a que ía" cando un radar o multou en Castela e León.

Presas puntualizou, tomando como base as explicacións de Baltar, que "ir a 200 quilómetros por hora non é un descoido, é un delito" que "só fai quen está adoitado facelo", e cualificou estes feitos de "escándalo de inicio a fin". A continuación, considerou ao Goberno galego, do PPdeG, "corresponsable" destes feitos, porque "non pediron a súa investigación nin a súa dimisión" e preguntou a Diego Calvo "que consecuencias debería ter a actitude" do presidente provincial.

Pola súa banda, a deputada socialista Carmen Rodríguez Dacosta tamén sostivo que non se trata de "unha conduta illada" e criticou que se cualifique de "descoido" algo que "puido pór en perigo a vida doutros usuarios da autovía". "Denunciamos o uso que José Manuel Baltar fai da institución que representa", dixo Rodríguez Dacosta, que o cualifica de "proceder sistematicamente espúreo" e marcado pola "arbitrariedade" e a "impunidade".

UNHA ACTITUDE "LONXE DE SER EXEMPLAR"

Na súa resposta, Diego Calvo sostivo que as preguntas formuladas xa foran contestadas polo propio Baltar, algo do que "hai documentos gráficos e sonoros". "O mesmo pediu desculpas tanto por escrito como de palabra polo grave erro cometido", lembrou o vicepresidente que, en todo caso, admitiu que a actitude do presidente provincial está "lonxe de ser exemplar".

"Condenamos, como non pode ser doutro xeito, a infracción cometida polo señor Baltar", engadiu, lembrado que, no entanto, o expediente administrativo desta multa "está pechado" co abono correspondente e que só queda "pendente" unha comparecencia xudicial para a que Baltar "mostrou a súa máxima colaboración".

Por iso, desde a Xunta consideran que a cuestión "non ten máis percorrido". "Se queren enfangar a precampaña, non conten connosco", dixo Diego Calvo. Paralelamente, o vicepresidente acusou a BNG e PSdeG de "hipocrisía" ao falar do caso Baltar, alegando que "o indignante" é "aprobar unha lei pola que, despois de ser advertidos, hai 100 condenados por violacións e abusos sexuais que están na rúa", en referencia á Lei de só si é si, ou "ter como socio a un partido como Bildu", en cuxas listas "van 44 persoas condenadas por pertenza a banda armada".

O vicepresidente segundo da Xunta, Diego Calvo.. XUNTA
O vicepresidente segundo da Xunta, Diego Calvo.. XUNTA

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta