O PPdeG reclama "diálogo" ao Goberno ante a falta de "consenso" coa Xunta sobre a eólica mariña

O Parlamento esixe realizar estudos de impact e o BNG pide a retirada dos POEM, que o PSdeG defende

Por Europa Press / Redacción | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 12/05/2023 | Actualizada ás 14:38

Comparte esta noticia

O Parlamento galego instou á Xunta de Galicia a demandar ao Goberno central o desenvolvemento dos plans de ordenación do espazo marítimo (POEM) "desde un enfoque integrador, cunha canle de comunicación entre os ministerios competentes, as comunidades autónomas e os sectores afectados".

Tamén a realizar os estudos socioeconómicos que avalíen os impactos en sectores como o pesqueiro e que se escoite aos representantes do sector, ademais de elaborar os estudos científicos que permitan determinar as consecuencias sobre os ecosistemas mariños e sobre a pesca da instalación dos citados parques eólicos mariños.

Así se recolle no texto presentado polo PPdeG e defendido pola deputada Teresa Egerique, quen reclamou "diálogo" ao Goberno central ante a ausencia dun "consenso real" coa Xunta e cos sectores afectados nesta materia. "Están mal feitos", dixo sobre uns plans nos que, ao seu xuízo, a "prioridade" non é o sector pesqueiro.

Desde as filas populares aceptouse que o catro puntos incluídos na proposición non de lei fosen votados, na Comisión de Industria, de forma separada despois de que o BNG presentase unha emenda -- que foi rexeitada-- na que se instaba á Xunta a demandar a "retirada inmediata" dos POEM fronte á petición do texto do PP no seu primeiro punto sobre o desenvolvemento destes plans desde un enfoque "integrador" e con diálogo.

CRITICAS DA OPOSICIÓN

A deputada nacionalista Rosana Pérez argumentou que tanto Xunta como Goberno están "envorcados" en favorecer a implantación da eólica mariña e reprochou ao Executivo galego unha política de "parecer que fan en favor do sector pesqueiro galego" para "disfrazar unha realidade". "Deben situarse sen fisuras ao lado do sector", apostilou.

Por este motivo e, ao non ser tida en conta a súa emenda, non apoiaron o primeiro punto da citada proposición non de lei, aínda que si as demais que contaron co apoio de todos os grupos.

Desde as filas socialistas, que apoiaron a iniciativa dos populares, a deputada Patricia Otero rexeitou que sexa certo "que todas as artes de pesca estean afectadas pola eólica mariña". "Se non están de acordo, recorran", instou aos populares nunha intervención na que argumentou que os plans do Executivo central nesta materia buscan concretar unha "anotación para dotar ao sector pesqueiro de maior seguridade xurídica".

"Porque só se poderán instalar, potencialmente, en zonas habilitadas", dixo sobre os parques eólicos mariños. Na mesma liña, descartou que non houbese diálogo do Executivo central co Goberno galego.

Por outra banda, nesta mesma comisión, foi rexeitada unha proposición non de lei dos socialistas reclamando á Xunta que se poña "a gobernar" en materia industrial. Si saíu adiante outra do BNG para pedirlle que promova a retirada ou soterramento das liñas de alta tensión no barrio de San Valentín, en Fene.

Parque eólico mariño / Acciona - Europa Press. / Europa Press
Parque eólico mariño / Acciona - Europa Press. / Europa Press

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta