O Sergas asistirá a maiores de 74 anos que teñan que tomar 13 ou máis medicamentos

Deseña un sistema para agrupar por tomas a medicación de pacientes con problemas para seguir tratamentos.

Por Europa Press / Redacción | A Coruña | 15/05/2023 | Actualizada ás 13:16

Comparte esta noticia

O Servizo Galego de Saúde (Sergas) porá en marcha un programa para mellorar a adherencia terapéutica de pacientes de idade avanzada que tomen polo menos 13 medicamentos distintos, que recibirán agrupadas e divididas por tomas nun blíster que se lles entregará na súa farmacia, punto final dun sistema que implica a distintos niveis da sanidade galega.

O director xeral de Asistencia Sanitaria do Sergas, Jorge Aboal Viñas, foi o encargado de presentar esta iniciativa de preparación de tratamentos personalizados, que recibe o nome de 'SPD' --Sistemas Personalizados de Dosificación--.

Trátase dun blíster que divide a medicación por días e tomas durante un tempo determinado co obxectivo de axudar aos pacientes a realizar un uso eficiente dos tratamentos, reducir os erros e, tamén, diminuír a acumulación de medicamentos nos seus fogares.

O paciente deberá cumprir unha serie de requisitos para entrar a formar parte do programa: ter máis de 74 anos, polo menos 13 medicamentos crónicos prescritos, presentar problemas de adherencia terapéutica ou no uso dos medicamentos, ben porque vive soa ou porque carece de redes de apoio social.

Imaxe de recurso dunha farmacia
Imaxe de recurso dunha farmacia | Fonte: RICADO RUBIO Europa Press

SELECCIÓN

A selección das persoas susceptibles de participar no sistema implica a distintos niveis asistenciais, desde os profesionais do Sergas, tanto facultativos, como farmacéuticos, enfermeiros e traballadores; aos farmacéuticos comunitarios.

Unha vez detectado o paciente baixo os criterios establecidos no protocolo elaborado polo Sergas, esta persoa será derivada a unha consulta co seu enfermeiro ou farmacéutico de atención primaria, quen determinarán, en coordinación co traballador social, se cumpre as características para ser beneficiario.

A continuación, o farmacéutico do centro de saúde e o médico de familia revisarán o tratamento en conxunto e derivarán ao paciente á farmacia que este escolla, sempre dentro da zona na que reside. Alí recollerá os blísters co seu tratamento dividido por tomas cada dúas semanas.

A farmacia comunitaria será a encargada de, ademais de entregar o 'SPD' cada 15 días, vixiar o cumprimento da adherencia, para o que deberá levar a cabo un informe de seguimento de periodicidade anual.

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta