28M BNG: Ana Pontón chama a concentrar o voto no BNG para conseguir "concellos vivos"

O portavoz do BNG na Deputación de Ourense, Bernardo Varela considerou que a cidade atravesa unha situación de "emerxencia" protagonizando espazos nas televisións estatais polos "escándalos" do alcalde.

Por Europa Press / Redacción | OURENSE | 24/05/2023 | Actualizada ás 14:21

Comparte esta noticia

A portavoz nacional do BNG, Ana Pontón, acompañou este mércores ao candidato á alcaldía de Ribadeo (Lugo), Pablo Vizoso, nun percorrido polo centro da localidade, onde pediu concentrar na formación nacionalista o voto dos que queren "concellos vivos" e con "dinamismo económico e social".

A líder nacionalista apuntou que Ribadeo se converteu nun "exemplo do modelo municipal de éxito do BNG", con "un urbanismo de calidade e cunha aposta polo tecido económico local, moi en particular cun comercio de proximidade que dinamiza, crea riqueza e emprego e revitaliza socialmente".

"En Ribadeo vemos perfectamente en que consiste o modelo municipal do BNG, sinónimo de prestixio, de calidade de vida, de transformación en positivo. Un modelo de que dinamiza vilas e cidades no económico, social e cultural", expresou Ana Pontón. Por iso, fixo un chamamento á mobilización e á participación, así como a "sumar no BNG o voto de todas as persoas que queren construír os seus concellos en grande".

"Quero chamar ao voto polo BNG ás persoas que queren concellos que realmente xeren dinamismo económico e social, concellos que realmente apoien ao seu comercio local, porque é clave pola súa capacidade para xerar emprego, facer barrio, manter activas vilas e cidades e fixar poboación", destacou.

Np Bng Ourense (+Foto) Ou Bng Muro De Contención Á Corrupción En Concello E Deputación 24.05.23. BLOQUE NACIONALISTA GALEGO
Np Bng Ourense (+Foto) Ou Bng Muro De Contención Á Corrupción En Concello E Deputación 24.05.23. BLOQUE NACIONALISTA GALEGO | Fonte: Europa Press

ENFADO DE LORES

O candidato á Alcaldía de Pontevedra polo Bloque Nacionalista Galego (BNG), Miguel Anxo Fernández Lores, acompañado do deputado polo BNG no Congreso, Néstor Rego, expresou este mércores o seu enfado co Goberno central pola paralización de proxectos na cidade.

Así, o candidato á reelección referiuse, en concreto, ao proxecto para construír un viario que conecte a vella estrada de Marín coa autovía de entrada a cidade, unha infraestrutura que permitiría atender unha "demanda histórica" da veciñanza de Mollavao de "lograr unha mellor calidade urbana e de vida".

Un reproche do candidato nacionalista á Alcaldía que tamén se estendeu á construción da circunvalación, "que leva 8 anos en construción o seu primeiro tramo, restando dous tramos máis por iniciar". Isto supón que Pontevedra segue sendo "a única capital de provincia de Galicia que non conta cunha circunvalación libre de peaxe".

Tamén citou o compromiso do Estado de facer o paseo peonil cara a Marín, do que só está "menos de medio paseo feito e non está previsto continualo, xa que desapareceu dos orzamentos do Estado". A continuación, tamén se referiu a outras peticións históricas que afectan, neste caso, á Xunta de Galicia, como son a variante de Alba ou o dragado do río Lérez. "Queremos que cumpran, que cumpran cos veciños e as veciñas", reclamou.

PAGO DE MORDIDAS

O portavoz do BNG na Deputación de Ourense, Bernardo Varela, suxeriu que os votantes de Democracia Ourensana deberían pagar directamente as supostas 'mordidas' ao actual alcalde da cidade, Gonzalo Pérez Jácome, e non as arcas públicas.

Manifestouno nunha rolda de prensa na que estivo acompañado polo portavoz municipal e candidato á Alcaldía en Ourense, Luís Seara. Un acto no que tamén participaron cargos institucionais e candidatos ás eleccións do próximo domingo.

Na súa intervención, Bernardo Varela considerou que a cidade das Burgas atravesa unha situación de "emerxencia" na que protagoniza espazos nas televisións estatais polos "escándalos" do alcalde, un contexto ante o que apelou á "responsabilidade" dos veciños.

"Eu quero dicirlles a aqueles que aínda están dispostos, porque hai xente que está disposta aínda a votar a Jácome, que se fan o favor lévenlle os miles de euros que se está embolsando, porque así o di abertamente, que o leven á porta da súa casa", manifestou. "Onte escoitabamos que 100.000 euros da obra de Matadoiro eran para el. Bo, pois iso, se ten 5.000 votantes que fagan o favor de levarlle á porta da súa casa 20 euros cada un", dixo.

"Outro día comentaba que dunha subvención de 2 millóns para un tema de mellora informática dixital, o pau tiña que ser de 800.000 euros. Ben, pois se teñen 5.000 votantes que fagan o favor de levarlle cada un deles 150 euros á porta da súa casa, que non o teña que pagar o resto da cidadanía, porque cremos que o resto da cidadanía non ten a culpa", afirmou.

O portavoz do Bloque na deputación ourensá sostivo que a cidadanía ten o próximo 28 de maio a oportunidade de darlle un cambio á provincia e á cidade. Unha provincia que, segundo indicou, "leva perdidos ao redor de 40.000 habitantes desde que os Baltar colleron as rendas".

LUÍS SEARA PIDE UNHA "RESPOSTA MASIVA"

Pola súa banda, no acto, o candidato á Alcaldía apelou á necesidade de que o domingo haxa "unha resposta masiva" dos veciños nas urnas e coincidiu con Bernardo Varela ao entender que Ourense se atopa nunha situación de emerxencia social e política provocada polos casos de corrupción que salpican directamente á Alcaldía e que "ensucian" o nome da cidade.

O candidato á Alcaldía animou aos veciños a canaliar o seu hartazgo o día 28 acudindo ás urnas a votar e non quedar en casa. "Pois se quedamos en casa gañan os de sempre, os que non queren que ninguén cambie", dixo.

Así, apelou a todas as persoas que a día de hoxe senten "estafadas, enganados e que en comicios anteriores escolleron a outras formacións políticas para que o domingo acudan masivamente a votar para que haxa un tsunami nas urnas que termine co caciquismo e a corrupción e aposte pola decencia, pola seriedade e polo rigor na xestión que representa o BNG".

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta
Comentarios 1 comentario

1 L Castro

Por certo señores da upg, esperen a que marche a xente dos mítines antes de facerlle un traxe á portavoz. O ruxe ruxe contra Ana e pola súa falta de solidez política e as críticas aos seus discursos, dos que o máis suave que comentan é que non di nada, non para. Porque hai boas expectativas electorais e parece todo en calma, que senón.