Extraballadores de El Correo denuncian o limbo xudicial no que están sen poder cobrar todo o que se lles adebeda

Din que pode haber fraude de lei por non seren subrogados no seu momento cando a cabeceira pasou a mans de Prensa Ibérica.

Por Galicia Confidencial | Santiago | 25/05/2023 | Actualizada ás 18:53

Comparte esta noticia

Os e as extraballadoras de El Correo Gallego emitiron un comunicado onde apuntan que transcorridos máis de cen días desde que Editorial Prensa Ibérica (EPI) tomase o control da cabeceira compostelá, seguen nunha especie de limbo como membros de Editorial Compostela, “unha empresa sen actividade”.

Sede de El Correo Gallego no Polígono do Tambre en Santiago
Sede de El Correo Gallego no Polígono do Tambre en Santiago | Fonte: Arquivo

Precisamente esta semana pechouse o período de consultas da primeira fase do segundo ERE de extinción contra o que un grupo de traballadores afectados xa presentaron un incidente concursal laboral, tanto ante a propia xuíza do Mercantil como a Consellería de Traballo. O primeiro ERE de extinción foi rexeitado pola xuíza que “criticou con dureza, no seu auto no que falaba de posible fraude de lei, a forma de proceder da administración concursal”. Ao mesmo tempo queren denunciar a actitude de Prensa Ibérica en todo este proceso, agravada nos últimos días “con ameazas, presións e, finalmente, o despedimento de excompañeiros subrogados con argumentos que non se sosteñen”.

O grupo de extraballadores de El Correo Gallego non foron subrogados por decisión de Prensa Ibérica e denuncian que, como consta nos seus escritos presentados no xulgado, “non terán dereito a recibir, de facto, nin a indemnización mínima que marca a lei debido á insolvencia da empresa concursada (20 días por ano traballado co límite de 12 mensualidades), que condena aos afectados a acudir ao Fondo de Garantía Salarial e a recibir unha cantidade moi inferior á que lles correspondería, por estar o límite legal topado”.

Por outra parte, os extraballadores tampouco poderán recuperar parte das nóminas impagadas, como si farán os compañeiros que foron subrogados. Isto é así despois de esixírselle a Prensa Ibérica adoptar algún tipo de medidas complementarias en favor dos traballadores que non quixo subrogar. O comunicado dos extraballadores sinala “o paradoxo de que o núcleo duro do persoal que mantivo vivo o xornal na rúa non van percibir seis mensualidades que se pactaron no acordo ante o SMAC, que foi incumprido pola empresa concursada, pero si o farán aqueles que foron subrogados”. Este acordo incluíuse nas dúas ofertas realizadas pola compra da unidade produtiva, discriminando aos traballadores non subrogados por non percibir os salarios pendentes.

Estas persoas lembran que tanto a administración concursal en todas as reunións celebradas cos traballadores expuxo que a venda del Correo Gallego só era posible se o xornal seguía saíndo á rúa todos os días. Unha condición que impuxo Prensa Ibérica cando realizou a súa oferta de adquisición. Dito isto, os traballadores citados mantivéronse nos seus postos a pesar de que sabían que non ían ser subrogados por EPI.

Por outra parte denuncian o trato de favor recibido por Prensa Ibérica por parte do administrador concursal. Na oferta gañadora os responsables desta empresa editora comprometíanse a investir máis dun millón de euros en melloras tecnolóxicas entre as que figuraban dotar de novos computadores a todos os traballadores subrogados. Isto último, segundo o comunicado, non se cumpriu. Pola contra, denuncian que na noite do día en que se produciu o transvasamento da cabeceira, persoal de Prensa Ibérica compareceu nas instalacións de Editorial Compostela e levaron todos os computadores profesionais, do persoal subrogado e do que non o ía a ser.

“Agora mesmo os redactores do novo El Correo Gallego realizan as súas funcións con equipos informáticos obsoletos xa que debían ser cambiados en 2020/2021 pero a situación económica da empresa impediu actualizalos”. A actualización informática estaba no acordo con Prensa Ibérica, pois incluía o investimento dun millón de euros, do que boa parte sería para modernizar os equipos dos seus redactores.

Apuntan tamén ao 1.600.000 euros “aos que había que descontar máis de 300.000 que se abonaron directamente a Abanca para que liberase o embargo da cabeceira” é unha cantidade irrisoria en comparación co informe do Concursal, que valorou  en 2.165.856,00 euros os activos materiais que xa obran en poder de Editorial Prensa Ibérica. Dito material, declaran os extraballadores no seu comunicado, non destinou ás novas instalacións de El Correo Gallego senón que se distribuíu entre outros xornais do grupo.

Os traballadores de Editorial Compostela que non foron subrogados por Prensa Ibérica denuncian ante o Xulgado Mercantil número 2 da Coruña e a Inspección de Traballo que EPI empezou a contratar  novos empregados desde o mesmo momento en que coñeceron a decisión xudicial sobre a adquisición do medio. Isto demostraría que necesitaba máis persoal do que accedeu a subrogar. Finalmente, denuncian que a adquisición de El Correo Gallego foi unha operación “que enmascara unha posible fraude de lei” ao substituír con novos traballadores aos que se negou a subrogar coa escusa de que non necesitaba contar con máis persoal na nova etapa do xornal.

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta
Comentarios 1 comentario

1 Gamela

Sabemos algo máis do tema ? De como as gasta o Grupo Prensa Ibérica ?