Goberno di que "hai que esperar" para saber cando chegarán os trens Avril a Galicia

Transportes apunta á Axencia Española de Seguridade Ferroviaria e Renfe di que só dispón da información que trasladou Talgo

Por Europa Press / Redacción | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 26/05/2023 | Actualizada ás 14:55

Comparte esta noticia

O Goberno central apunta que poderá concretar o inicio das operacións comerciais con trens 'Avril' en Galicia cando teña "todas as garantías" da Axencia Española de Seguridade Ferroviaria, polo que, "de momento", afirma que "hai que esperar".

Así se pronunciaron fontes do Ministerio de Transportes consultadas por Europa Press despois de que Talgo anunciase, este xoves, que desde o próximo mes de novembro porá a disposición de Renfe as primeiras unidades do tren 'Avril', "listas xa para o seu uso comercial".

Para concretar cando empezarán a circular estes trens pola comunidade galega, o ministerio apunta ademais ao momento en que Talgo "efectivamente" faga a entrega das unidades, e rexeita facer estimacións "sobre un anuncio".

Pola súa banda, as fontes de Renfe consultadas remitiron a esa comunicación de Talgo sobre a "entrega gradual" dos trens 'Avril' e alegaron que esa é toda a información de que dispón a operadora ferroviaria "polo momento".

No comunicado emitido este xoves, a propia Talgo precisou que a data de novembro era unha "proposta" e advertiu que "se alcanzará sempre que os outros actores que participan neste proceso cumpran cos prazos que facilitaron" á compañía.

Este venres, a conselleira de Infraestruturas, Ethel Vázquez, pediu ao Ministerio de Transportes que "aclare" se a entrega en novembro dos 'Avril' incluirá as primeiras unidades de trens de rodaxe desplazable --de ancho variable-- que, tal e como lembrou, "son os necesarios para que a alta velocidade chegue a cidades como A Coruña, Santiago ou Vigo".

COMPROMETIDOS PARA 2022

O proceso de homologación destes trens estivo rodeado de polémica debido a atrasos e a propia Renfe anunciou no seu día que estudaba impor penalizacións a Talgo por incumprimento de contrato. Pola súa banda, a Xunta reprochou ao Goberno central a tardanza.

E é que a chegada dos 'Avril' para circular en Galicia e levar a alta velocidade ao resto de cidades galegas --a maiores de Ourense-- estaba comprometida primeiro para primavera e despois para verán de 2022.

Arquivo - O 'Avril', O Novo Tren AVE De Talgo. TALGO - Arquivo
Arquivo - O 'Avril', O Novo Tren AVE De Talgo. TALGO - Arquivo | Fonte: Europa Press

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta