O impacto das últimas treboadas e chuvias, está Galicia sufrindo un cambio climático?

As últimas choivas caídas en Galicia deixaron escenas como a da Ponte Romana de Ourense convertida nunha canle. Á parte do anecdotario, os sectores primarios son sempre os primeiros en notar a carencia de auga. Até as primeiras treboadas das pasadas semanas, a situación era de temor ante a prolongación dun período seco, sobre todo para produtos de horta. Pasados uns días das últimas choivas, cal é a situación?

Por Galicia Confidencial | Santiago | 06/06/2023 | Actualizada ás 22:02

Comparte esta noticia

Un “mantra” repetido desde diversos sectores ligados á produción primaria en Galicia é: “o cambio climático está aí”. Catro décadas parece que custou o recoñecemento do quentamento global e os riscos sobre a agricultura que trae canda el. Porén, as temperaturas seguen a subir de cara o verán e non se sabe que acontecerá nos vindeiros meses. A isto último debemos engadir a crise, primeiro da COVID e logo da guerra en Ucraína, para falarmos de risco en fornecemento para concentrados de alimentación animal. Outro factor estaría na posibilidade de perda de forraxe e millo en Galicia mesmo e que zonas de cereal como Castela, non puidesen exportar palla para alimentarmos o gando galego. Actualmente a situación  parece “salvada”, mais quérese ver como está o actual panorama.

Choiva. ASAJA ALACANTE
Choiva. ASAJA ALACANTE


AGROGANDARÍA

Logo dos prezos elevados do cereal para a creación de compostos (pensos) destinados a alimentación animal, comezou unha lixeira baixada e isto deu esperanzas ao sector agrogandeiro pois podería implicar tamén diminución de prezos en combustibles e outros elementos. Porén, os prezos dos cereais quedaron atrancados. Outros insumos como a palla, a forraxe, elevaron os prezos motivando unha compra a grande escala por parte de terceiros países que dificultará o acceso a este alimento.

Os produtos de horta están comezando a xermolar e se segue a choiva poderemos salvar boa parte da produción, mais todo depende do que aconteza”, di Isabel Vilalba, do Sindicato Labrego Galego (SLG). “Coa seca do ano pasado houbo importantes mermas e pedíuselle á administración que actuase e realmente non se implicou”. Por outra parte “Ourense e o Sur de Lugo son áreas que sofren a perda de auga mais iso parece que non o ven desde fóra de Galicia”. Esta situación para Vilalba debería abordarse cunha mellora na distribución da auga.

“A auga caída no Sur de Ourense, por exemplo, veu paliar a seca, mais non temos datos avaliados” sinala José Ramón González de Unións Agrarias (UUAA). “A auga dos últimos días alongará a vida do pasto e para o millo xa sementado venlle moi ben”. En canto insumos, González apunta que “o combustible baixou, certo que hai diferenzas entre prezos e ingresos, mais estamos en recuperación se nos comparamos co ano pasado”. Sobre posibles previsións de cara o verán: “xuño e xullo podemos ver, logo agosto xa non sabemos”.

Antonio Rigueiro, da Asociación Forestal de Galicia (AFG) afirma que non hai información fiable sobre a influencia da seca na produción forestal. “Non se deu como na área mediterránea, a morte de especies, aínda así hai que ser previsores, diminúen as precipitacións” e isto obrigaría a traer especies xeneticamente máis fortes de cara a soportar altas temperaturas. “De seguir a tendencia na baixada de precipitacións, o centro e sur de Galicia estaría sufrindo un cambio cara o clima mediterráneo, por tanto habería que introducir novas especies máis resistentes á calor”. Mais sobre a situación actual das plantacións realizadas até o momento “a seca réstalles auga e isto leva a plantar en meses como novembro ou decembro para afrontaren mellor os períodos secos do ano”.

PREZOS

“A renovación dos contratos entre produtores e empresas leiteiras fíxose á baixa mentres que os prezos dos insumos non baixaron” sinala Vilalba, aínda que as negociacións están abertas e esperan que os prezos para o leite en xullo e agosto polo menos se manteñan. “Sobre os prezos da carne temos que os custes de produción soben e os ingresos baixan, aínda que houbo uns lixeiros incrementos”. Vilalba reclama ferramentas para implementar a Lei de Cadea Alimentaria.

Sobre as axudas que se poden destinar ao sector agrograndeiro, José Ramón González lembra que logo de convocadas as eleccións xerais para o 23 de xullo deste ano, “o real decreto sobre as axudas agrarias quedou para a comisión permanente do Congreso”, punto este que permitiría aliviar a situación do sector en caso de necesidade. González tamén declara que “estamos nunha recuperación lenta, a Mesa de Ternera Gallega ten que reunirse para subir prezos” no mercado.

E que acontece coas reservas hídricas? Desde a Consellería de Medio Rural indican que segundo a Consellería de Infraestruturas e Mobilidade, a situación é de normalidade no que se refire á Demarcación Hidrográfica de Galicia-Costa, que é a conca de responsabilidade autonómica. “Hai que ter en conta que aproximadamente a metade do territorio galego pertence a outras demarcacións hidrográficas de competencia estatal, sendo a principal a Demarcación Hidrográfica de Miño-Sil”.

Sobre a reserva actual dos encoros da demarcación de competencia autonómica Galicia-Costa “é, a data de 29 de maio, do 82,86%, o que supón un 12,29% máis que o ano anterior, cando se situaba no 70,57%”.  “En canto á reserva dos encoros de abastecemento da demarcación de competencia autonómica Galicia-Costa é, a  29 de maio, do 81,85%, o que supón un 13,66% máis que o ano anterior”.

En canto á situación dos prezos agrogandeiros, Medio Rural indica que o próximo día 13 de xuño está convocada “a primeira reunión do grupo de traballo da Xunta con asociacións, sindicatos e organizacións agrarias para analizar sector por sector cales son os máis prexudicados, non só pola seca senón tamén polos seus efectos no incremento dos custos de produción”. O obxectivo, segundo Medio Rural, é ter unha diagnose de cales son os produtores máis afectados, de cara a adoptar as decisións que corresponda.

Os prezos de venda teñen que subir para facer fronte a  posibles perdas agrogandeiras por culpa da seca. Por outra parte, o sector da madeira considera xa un futuro onde haxa que introducir novas especies que afronten mellor as subas de temperaturas e períodos de seca prolongados. A Xunta, pola súa banda, indica que, a día de hoxe, as reservas de auga falan de normalidade.

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta