O PP de Baltar ameaza con levar aos tribunais a quen o vincule con financiamento ilegal

O PSdeG de Ourense fala de "mordidas" e da gravidade da situación.

Por Europa Press / Redacción | Santiago de Compostela | 02/06/2023 | Actualizada ás 12:50

Comparte esta noticia

O portavoz do PP na Deputación de Ourense, Plácido Álvarez Dobaño, rexeitou este venres "a máis mínima insinuación" de procedementos irregulares na contabilidade do partido, e ratificou que os equipos xurídicos da formación e da institución provincial analizan posibles accións legais.

Ao tempo, fronte ás acusacións de suposta corrupción, máis duras desde a oposición socialista, axitou os resultados electorais do pasado domingo. Así, remarcou que o PP provincial, que encabeza Manuel Baltar, e a quen o seu propio xefe de filas, Alfonso Rueda, evitou este xoves confirmar como candidato a revalidar o cargo, foi avalado pola cidadanía de Ourense.

O responsable provincial do PSdeG, Rafael Rodríguez Villarino, alertou da gravidade das "mordidas", que posteriormente o portavoz do PP reduciu a "chuminadas". Villarino ligou o suposto cobro de comisións con adxudicatarias da Deputación, a través de contratos menores, e citou varias empresas receptoras dos mesmos: Construcións e Almacenes Manuel Viso, Coviastec, Caminos de Ourense, Explotaciones Medioambientales e Construciones y Promociones Cruzval.

Máis aló, o socialista puxo durante a sesión audios dos publicados e interpelou a Baltar a aclarar se recoñecía a voz do seu irmán. "Fronte ao fume, os feitos", replicou Álvarez Dobaño. Finalmente, o socialista repartiu unhas fotos nas que, segundo dixo, recoñécese ao exchófer de Baltar como o condutor dun vehículo oficial, no que tamén iría o dirixente popular, e vinculouno cunha das multas por exceso de velocidade nas que a institución non identificou o condutor. "Recoñéceselle perfectamente, unha mentira máis", dixo.

O presidente provincial do PP, Manuel Baltar, tras a xunta directiva.
O presidente provincial do PP, Manuel Baltar, tras a xunta directiva. | Fonte: Europa Press

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta