Ve a luz ‘A grandeza das cousas pequenas’, un documental sobre a vida do galeguista Manoel Vello Salvado

O documental está producido por Nós Televisión.

Por Galicia Confidencial | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 06/06/2023 | Actualizada ás 21:00

Comparte esta noticia

Seis meses despois da morte do galeguista Manoel Vello Salvado, este sábado 10 de xuño sae á luz un documental sobre a súa vida, que repasa todas as iniciativas nas que participou activamente ao longo da súa traxectoria política e social. 'Manoel Vello. A grandeza das cousas pequenas' é un audiovisual, de 45 minutos de duración, producido por Nós Televisión en colaboración con Tingalaranga, e dirixido e realizado por Xosé Bocixa.

Fotografía recollida no documental sobre Manoel Vello. Nós Televisión
Fotografía recollida no documental sobre Manoel Vello. Nós Televisión

O documental estrearase na canle de youtube de Nós Televisión, en aberto para todos os públicos, e estará dispoñible para que o poidan ver todas aquelas persoas e colectivos interesados.

Manoel Vello Salvado "adicou toda a súa vida á grande loita das cousas pequenas", segundo explica Nós Televisión. Galeguista por riba de todo desde a súa mocidade na parroquia de Xanceda, no concello de Mesía, foi sacristán e membro de Irimia, concelleiro do BNG de Mesía, incansable defensor da nosa lingua, da reivindicación da etiquetaxe en galego, da cultura, da economía e dos medios en galego.

Sindicalista no sector da Banca, dirixente nacional de Compromiso por Galicia, tivo unha participación directa no descubrimento dos enterros ilegais das vacas tolas. Faleceu o 15 de decembro do 2022, aos 50 anos de idade, despois de pelexar durante 23 anos cunha grave enfermidade de ril.

"Na súa memoria e a de todas as persoas e colectivos que compartiron con el loita e vida, Nós

Televisión quixo tomar a iniciativa de producir este documental, como forma tamén de renderlle homenaxe a unha persoa que sempre apoiou de forma activa e decidida os medios de comunicación en galego", explica a produtora.

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta