Por E.P. | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 10/06/2023 | Actualizada ás 19:15
A renovación do firme na ligazón de Santiago sur da autovía Santiago-Brión (AG-56) fará necesarios cortes de tráfico en distintos ramais a partir do luns.
Segundo trasladou a Consellería de Infraestruturas e Mobilidade, os traballos acometeranse nesta ligazón durante dúas semanas, nas que afectará as entradas e saídas, sinalizándose en cada caso o desvío correspondente. As actuacións desenvolveranse no horario comprendido entre as 08,30 e as 20,30 horas.
Esta programación comezará polo ramal de saída desde a AG-56 cara a O Milladoiro, propondo a saída na ligazón de Pardiñas da AG-56 ou na saída Ourense da AP-9. O seguinte ramal no que se traballará será a saída desde o tronco da AG-56 á SC-20 sentido Santiago. Aconséllase a saída na ligazón de Pardiñas da AG-56.
A continuación, as intervencións acometeranse na entrada na AG-56 desde a SC-20 (sentido O Milladoiro) cara á AP-9. Neste caso, reconducirase a entrada de vehículos polo ramal da marxe contraria.
Finalmente, os traballos executaranse no ramal de entrada na AG-56 desde a SC-20 (sentido Santiago) cara ao tronco da AG-56 en sentido Brión. Neste caso tamén se reconducirá a entrada de vehículos polo ramal da marxe oposta.
Estas tarefas forman parte da renovación do firme na autovía Santiago-Brión (AG-56) e na vía de altas prestacións Pardiñas-As Galanas que levan a cabo nas últimas semanas e suporá un investimento de case 5,9 millóns de euros, asumido dentro do contrato de concesión da autovía.
Se tes problemas ou suxestións escribe a webmaster@galiciaconfidencial.com indicando: sistema operativo, navegador (e versións).
Agradecemos a túa colaboración.