A Coruña de Negreira

Cabe preguntarse por qué o aínda alcalde coruñés retoma o vello topónimo na pre-campaña ás municipais.

Por Marcelino Fdez. Mallo | A Coruña | 25/03/2015

Comparte esta noticia
Negreira chegou á alcaldía da Coruña en maio de 2011 disposto a dar a batalla a prol do vello topónimo. Francisco Vázquez litigara ata as últimas instancias para mantelo, Javier Losada solicitara a Feijoo o cambio legal necesario, e Carlos Negreira nunca ata a investidura utilizara o topónimo oficial. As dificultades procedimentais máis a propia postura de Feijoo, que vira máis atrancos que vantaxes na posible mudanza, fixeron renunciar finalmente ao frustrado político popular. 
 
Inda que nas súas intervencións orais mantivo o extraoficial La Coruña, no resto da comunicación o Concello continuou empregando o topónimo legal. Ata que hai unhas datas, Negreira semella retroceder no tempo para abrazar de novo a vella teima, acompañando de súpeto aqueles medios como La Razón ou ABC que nunca admitiron a oficialidade de A Coruña. 
Os topónimos xeráronse a partir de factores como trazos paisaxísticos, accidentes naturais, circunstancias locais ou homenaxes a personaxes históricos. A súa orixe data de moitos séculos atrás e, por tanto, debe localizarse nun contexto lingüístico determinado. Cando a maioría de municipios, parroquias, aldeas, lugares... de Galicia adquiriron o seu nome identificativo, o único idioma existente en Galicia era o galego, con algunha incursión residual doutras linguas como o latín. Por tal motivo, a gran maioría de topónimos galegos parten do idioma autóctono aínda que algún presente unha procedencia distinta como a xermánica (sueva) ou árabe e, mesmo, en casos moi raros, francesa ou castelá.
 
Doutra banda, a Lei 3/1983, promulgada ao amparo do Estatuto de Autonomía de Galicia, no seu artigo 10, establece: "Corresponde á Xunta de Galicia a determinación dos nomes oficiais dos municipios, territorios, núcleos de poboación, vías de comunicación interurbanas e dos topónimos de Galicia... Estas denominacións son as legais para todos os efectos." En conclusión, o único nome válido dos municipios galegos, xa se fale en galego ou castelán, é o derivado da toponimia oficial aprobada pola Xunta de Galicia. Utilizar o topónimo vixente en pretéritas lexislaturas supón caer no desprezo a un corpo xurídico e mesmo a unha cultura.
 
A recuperación do topónimo deturpado por parte de Negreira pode ter distintas lecturas. Eu non vou caer en hipóteses inda que si me atrevo a lanzar unha proposta. Cando adopten ese papel por riba das normas oficiais, contrario xa que logo á lexislación que se deriva do Estatuto e da propia Constitución, utilicen La Coruña; mais cando asuman a posición de políticos dignos de confianza, respectuosos coas regras das que se serven as sociedades civilizadas, digan A Coruña. Cando queiran honrar o pasado, retomar a perspectiva retrógrada da política como cando se negan a condenar o franquismo ou acatar a Lei da Memoria Histórica, empreguen La Coruña; mais cando se empracen a loitar por un futuro de progreso a partir das propias capacidades e idiosincrasia, daquela apliquen A Coruña. E cando se dispoñan a participar nos sucios atallos tipo Gürtel, Pokemon-Pikachu, Vendex o Zeta, tiren de La Coruña; mais cando se refiran a esta cidade emprendedora e orgullosa, en eterna puxa contra vilipendios e malos tempos, entón esgriman A Coruña. Axudará a clarificar as posicións. 

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Marcelino Fernández Mallo Economista coruñés con ampla traxectoria no sector financeiro galego e no mundo Internet. Colaborou con medios de distinta liña entre os que cabe salientar Vieiros, a Radio Galega e Xornal de Galicia. É autor das novelas Pallarega, A trenza ou Klásicos. Mantén o blog Atrenza.
@pallarego