Por gcdeportes | Compostela | 29/03/2015 | Actualizada ás 16:02
Ficha técnica:
Obradoiro 77: Rafa Luz (5), Pumprla (10), Corbacho (12), Maxi Kleber (9), Daniel Miller (2) --cinco inicial-- Pepe Pozas (2), Nankivil (8), Adam Waczynski (21) e Triguero (8).
CAI Zaragoza 69: Kevin Lisch (5), Joan Sastre (4), Jason Robinson (12), Marcus Landry (12), Henk Norel (9) --cinco inicial-- Pedro Llompart (3), Rasko Katic (1), Stevan Jelovac (13), Chris Goulding (8) e Pere Tomàs (2).
Parciais: 23-16, 19-17 (42-33), 12-21, 23-15 (77-69).
Árbitros: Miguel Ángel Pérez Pérez, Jorge Martínez e Pedro Munar. Eliminaron por cinco faltas a Juanjo Triguero.
Incidencias: partido da 26ª xornada da Liga ACB no Fontes do Sar ante 4.974 espectadores. Antes do encontro, homenaxe a David Cal tralo anuncio da súa retirada.
Deixando a un lado os problemas extradeportivos que rodean ao presidente do club, o Obra acadou a terceira vitoria consecutiva ante todo un CAI Zaragoza, oitavo na táboa. O triunfo por 77-69 foi posible gracias a un encontro moi serio en defensa do cadro de Moncho Fernández, e ao acerto en ataque nos momentos decisivos, onde atopou como referente a un gran Adam Waczynski, o mellor dos obradoiristas con 21 puntos e 4 de 7 en triplas.
As defensas foron protagonistas de maneira inversa. Mentres que o Obradoiro soubo frear o xogo do CAI, o equipo visitante pecou de brando, non sabendo xestionar os bloqueos e permitindo moitos tiros liberados dos locais. Pumprla e Rafa Luz aproveitaron as primeiras xogadas para castigar o aro rival, anticipando a aparición de Corbacho. O aleiro mallorquino tivo uns minutos de inspiración nos que con tres triplas e dúas asistencias liderou a primeira vantaxe importante: 23-16 ao remate do primeiro cuarto.
O CAI mellorou de a poucos. Primeiro endurecendo a defensa, e despois coa aparición de Jelovac. O xogador serbio comezou a ser unha ameaza na zona e a liberar espazos para os seus compañeiros, que foron quen de aproveitalos. Dous tiros libres de Norel e unha tripla de Goulding apertaron o marcador (30-27, minuto 15). Waczynski respondeu con 7 puntos para dar tranquilidade malia a insistencia dos homes de Ruiz Lorente por igualar a contenda. Unha tripla de Rafa Luz e unha canastra de Juanjo Triguero no remate do segundo cuarto deron vantaxe ao Obradoiro no tempo lecer (42-33).
O paso por vestiarios mudou as tornas do visto ata o momento. Zaragoza mellorou na defensa dos bloqueos. Os continuos trocos de defensor nestas situacións freou o ataque obradoirista, que só anotou 4 puntos en sete minutos. Algo que non sucedeu con Robinson e sobre todo con Landry, que puxéronse mans á obra para remontar o encontro (46-48, minuto 27) obrigando a Moncho Fernández a pedir tempo morto.
Cando máis feo pintaba o panorama para os intereses galegos, foi clave novamente Waczynski. Dúas triplas súas frearon o ritmo do CAI. Triguero deu continuidade no final do terceiro cuarto e no comezo do derradeiro, mentres que Corbacho obrigou ao adestrador rival a pedir tempo morto tras unha nova tripla. O parón beneficiou ao Zaragoza, que castigou duramente o aro do Obra: triplas de Lych e Jelovac para volver a poñerse por diante (59-60, minuto 35).
Pero Obradoiro non se engurrou e tirou de orgullo e de Keaton Nankivil para solucionar un final de encontro igualado. O americano, mellor dos seus problemas físicos, redondeou unha boa actuación defensiva con 7 puntos cando máis o precisaba o seu equipo. Zaragoza tentou mandar aos xogadores do Obra a liña de persoal en busca da machada, pero Adam Waczynski pechou sen apuros o definitivo 77-69.
Crónica de José Ángel Santoveña (@JoseA_Santovena)
Se tes problemas ou suxestións escribe a webmaster@galiciaconfidencial.com indicando: sistema operativo, navegador (e versións).
Agradecemos a túa colaboración.